Finaliza a segunda quenda do campamento urbano de educación en igualdade da Laracha
No marco do programa de actividades de verán que inclúe propostas especialmente dirixidas aos nenos como medio de ofrecerlles a eles alternativas para o aproveitamento do seu tempo libre e, aos seus pais, unha axuda para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante as vacacións do verán, o Concello da Laracha está a desenvolver desde o luns a segunda quenda do campamento urbano de educación en igualdade que concluirá mañá venres.
Participan unha trintena de nenos de idades comprendidas entre os tres e os sete anos. Ao longo de toda a semana están a realizar diversas actividades educativas, deportivas e ludo-recreativas, sempre coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e os hábitos de vida saudables como marco de fondo, nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís durante toda a mañá, desde as 9.00 ata as 14.00 horas.
Como proposta educativa e cultural complementaria, na xornada de mañá mércores realizaron unha saída ao municipio de Ponteceso para visitar o Museo do Xoguete.
Na organización e desenvolvemento deste programa o Concello da Laracha conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.











