Ferrol renova os lazos de irmandade coa localidade portuguesa de Vila do Conde
O Concello de Ferrol reeditará o vindeiro 31 de agosto a irmandade coa localidade portuguesa de Vila do Conde. O primeiro edil ferrolán, Jose Manuel Rey Varela, será o encargado de presidir os actos que se farán coincidir coas celebracións do día grande das Festas Verán 2014, o día de San Ramón. Esta alianza entre os dous municipios, establecida dende o ano 1973, se iniciou co acordo de irmandade que recolleu o nomeamento do ex presidente da Cámara Municipal de Vila do Conde, Fernando Manuel dos Santos Gómez, como Fillo Adoptivo de Ferrol. Posteriormente, considerouse nomealo Alcalde Honorífico por se fora necesario que asumira algún tipo de representación en Portugal, título entregado pola cidade ferrolá sendo alcalde Jaime Quintanilla. Así mesmo, este recoñecemento ao máximo representante da cidade portuguesa repetiuse no ano 1998 ao nomear Alcalde Honorífico de Ferrol ao ex presidente Mario Hermenegildo Moreira de Almeida.
Máis de 40 anos de irmandade entre a cidade naval e Vila do Conde demostran a transcendencia que teñen as relacións bilaterais entre os países. Así, a Xunta de Voceiros do Concello de Ferrol acordou nomear á presidenta da Cámara Municipal de Vila do Conde, María Elisa de Carvalho Ferraz, Alcaldesa Honoraria de Ferrol por contribuír a potenciación da irmandade entre os dous municipios. A proposta será levada ao pleno ordinario de finais de mes e a distinción será entregada nos actos oficiais de irmandade que se celebrarán en Ferrol o vindeiro 31 de agosto, coincidindo coa festividade de San Ramón.
Actos de San Ramón
Ademais, os actos de conmemoración do Día de San Ramón consistirán, como vén sendo habitual, nunha ofrenda floral ás 12:00 horas na estatua de don Ramón Plá y Monge, Marqués de Amboaxe. Previamente, ás 11:00 horas, na Concatedral de San Xiao, celebrarase unha misa en memoria do filántropo ferrolán.











