Ferrol aproba o programa educativo “Coñecendo o Universo” para o curso 2014-2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol colaborará un ano máis coa Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) para a realización do programa educativo “Coñecendo o Universo”. A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, deu conta hoxe deste asunto aos grupos municipais na comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo. Así, o goberno municipal aprobou a proposta do convenio de colaboración coa SGHN para o desenvolvemento desta programa educativo durante o curso escolar 2014-2015.

Este acordo de cooperación, cun importe total de 3.360 euros, permitirá ao alumnado dos centros de ensino da cidade coñecer o ceo a través de diferentes actividades nas que abordarán temáticas como a esfera celeste, a lúa e o sol, as estrelas, os planetas ou as constelacións. Tamén estudarán o uso do planisferio, os cúmulos, nebulosas e galaxias e realizarán observacións con telescopio.

Outro dos asuntos abordados na comisión informativa desta mañá foi a adxudicación das obras de substitución de solo e arranxo de xogos no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ponzos. A Concellería de Educación investirá un total de 5.806,22 euros na reposición de lousas de caucho e a instalación do xogo.

29 de agosto de 2014 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.