FEBAM Pontevedra apoia a ACEBA nas queixas polo mercadillo no paseo marítimo de Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaPontevedra
A-
A+

A Federación de Empresarios e Comerciantes do Baixo Miño e Provincia de Pontevedra súmase á Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) nas súas queixas ao alcalde de Baiona pola instalación de 33 postos de venda no paseo Marítimo de Baiona.

Nun escrito dirixido ao rexedor baionés, a Federación Galega de Comercio lémbralle que o comercio ao por menor é un dos principais motores da economía local, representando o 16% do PIB e o 14% do emprego. Así mesmo, maniféstalle que a autorización deste tipo de mercadillos nunha época tan relevante para as vendas dos establecementos de Baiona é manifestamente oposta á defensa e apoio que todo goberno local debe dar aos empresarios que durante todo o ano pagan os seus impostos, taxas e demais gastos de mantemento dos negocios.

Despois de duros anos dunha crise económica sen precedentes que levou por diante moitos negocios, parece incomprensible que o Concello de Baiona dea luz verde á instalación de postos de venda que exercen unha competencia directa aos establecementos da vila, que agardan impacientes a tempada estival para poder recuperar as súas vendas e facer fronte ao baixón que teñen durante os meses de inverno.

O comercio é a vida das nosas cidades e das nosas vilas. Sen comercios, Baiona estaría morta, sen vida. Por tanto a Federación de Empresarios e Comerciantes do Baixo Miño e Provincia de Pontevedra no seu nome propio e como representante da Federación Galega de Comercio na Provincia de Pontevedra pide ao goberno local baionés un apoio incondicional ao sector e espera que en futuras ocasións teña en conta a opinión dos comerciantes locais, os que xeran riqueza para a vila e prestan durante todo o ano os seus servizos e produtos aos veciños e turistas.

1 de agosto de 2014 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.