Executadas ao 70% as obras do aparcadoiro e a praza das Conchiñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, visitou as obras do aparcadoiro e a praza das Conchiñas, un proxecto que se atopa na súa fase final, xa que se executou o 70% dos traballos e a previsión é terminar a urbanización desta zona durante o último trimestre deste ano.

O proxecto de urbanización das Conchiñas inclúe un aparcadoiro con capacidade para 230 vehículos, así como unha zona pública en superficie con áreas de descanso e xogos infantís. Trátase dun proxecto que xerou unha gran expectación, pois aumentouse o número de prazas de aparcadoiro nun 25% -das 185 previstas inicialmente ás 230-. A metade das prazas do novo aparcadoiro, de dúas plantas soto, será en rotación -asegurando puntos de estacionamento para as persoas que vaian comprar ao mercado e as tendas da zona- e o outro 50% para venda e aluguer.

A praza en superficie contará cun deseño moderno e aberto, será máis luminosa e ofrecerá zonas de descanso e área de xogos infantís, ademais de incluír a integración do mercado na propia praza proporcionando unha nova segunda fachada.

Para completar este proxecto, o Concello acordou en xullo encomendar á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), responsable da construción e posterior explotación do aparcadoiro, a execución das obras de reurbanización dos viarios lindeiros á praza das Conchiñas, unha superficie de 2.628 metros cadrados na mazá comprendida entre as rúas Barcelona, Fonte Álamo, Corcubión e a avenida de As Conchiñas.

O Concello estima que a execución destas novas obras de reurbanización de viarias suporán un investimento de 240.000 euros, aínda que en ningún caso significarán un atraso na finalización dos traballos, pois se compasan aos da execución do aparcadoiro e da renovación da praza que se habilitará en superficie para o goce dos cidadáns. Con esta nova actuación, a superficie total que se urbaniza nas Conchiñas chega aos 8.600 metros cadrados, cun orzamento final que supera os 2,5 millóns de euros.

Dentro dos traballos complementarios de reurbanización de viarias, onte, mércores 13 de agosto, arrincaron as obras da rúa Corcubión, entre as rúas Barcelona e Fonte Álamo. A previsión é que, até o día 29, en horario laboral de 08.30 a 18.30 horas, se corte Fonte Álamo (entre a rúa Corcubión e a avenida das Conchiñas), desviando a circulación pola rúa Corcubión, habilitándose o dobre sentido na rúa Gramela. Fóra do horario laboral, a vía permanecerá aberta ao tráfico, así como naqueles momentos nos que a vía non estea ocupada polos camións de obra. Tamén se colocaron sinais de prohibido estacionar na marxe esquerda da rúa Gramela, por onde se realizarán os desvíos. A previsión é que a urbanización da rúa Corcubión quede finalizada en setembro.

A estas obras encomendadas a EMVSA no Agra do Orzán, súmanse outras importantes actuacións desenvolvidas neste barrio polo Concello e que supoñen un investimento próximo aos 15 millóns de euros, como a renovación das rúas Cuba e Entrepeñas, a apertura do centro Novo Boandanza, da aula de Emprego e a Escola de Emprendedores.

14 de agosto de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.