En setembro remata o prazo de inscrición de películas para o Festival de Cine Internacional de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O vindeiro 1 de setembro rematará o prazo de inscrición de películas para a XIX Edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, que se desenvolverá na cidade entre os días 15 e 23 de novembro. Os interesados en inscribir a súa película deberán encher o formulario de inscrición online que aparece na páxina www.uptofest.orgou ben o boletín de inscrición que figura na web www.ouff.orge envialo á dirección: Festival de Cine Internacional de Ourense/ Auditorio Municipal/ Rúa da Canle, nº 2 – 32005, Ourense.

A falta de 20 días para o peche deste prazo, o Festival conta xa con 142 longametraxes inscritas para a fase de preselección. De entre todos estes traballos, máis os que se reciban ata o día 1 de setembro, sairán as 10 películas que conformarán a sección oficial desta edición. A selección final, será efectuada por un comité de visionado nomeado pola Concellería de Cultura.

Os títulos recibidos ata agora pertencen a un total de 42 países, destacando a presenza de cinematografías inéditas no festival, como é O Salvador, Guatemala ou a República Dominicana. España é o país con máis películas inscritas. Outros países con ampla representación son Ucrania, Alemaña, Arxentina, Francia, Brasil, Portugal, Irán e Serbia. As dez películas que compitan na sección oficial optarán a sete premios que supoñen un montante económico de 17.000 euros.

Ao marxe das longametraxes recibidas para a sección oficial, o Festival recibiu tamén 48 curtametraxes e 18 documentais para a configuración das seccións paralelas. Isto fai un total de 198 traballos recibidos ata o día de hoxe. Con estas cifras, a organización prevé superar os 215 traballos recibidos na pasada edición do 2013.

7 de agosto de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.