Emotiva homenaxe dos veciños de Brión a Roberto Vidal Bolaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal Portada
A-
A+
Acto de homenaxe

Acto de homenaxe

Máis de 150 persoas ateigaron na noite de onte o salón de exposicións de Brión para asistiren á homenaxe que a veciñanza de Brión lle fixo a un dos seus máis ilustres conveciños: Roberto Vidal Bolaño. Unha emotiva homenaxe que culminou coa inauguración dun busto en bronce en homenaxe ao ilustre dramaturgo e que foi inaugurado polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, e Carmen Vidal Quintáns, filla de Roberto Vidal Bolaño.

Como non podía ser doutro xeito, a homenaxe a un dos grandes do teatro comezou coa representación dunha divertida escena de “Animaliños”, obra de Vidal Bolaño inspirada na veciñanza de Brión e que foi interpretada pola actriz Martina Martínez e polo técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, quen presentou a gala dando a coñecer distintos datos da relación de Vidal Bolaño con Brión.

Un lugar simbólico

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, felicitou a Xosé Vizoso, Roge Fernández e Cuqui Piñeiro polo traballo realizado no busto e destacou que “estará por sempre nesta Carballeira de Santa Minia, un dos lugares máis emblemáticos de Brión e que no Roberto pasou tantas e tantas tardes.Despois de darlle moitas voltas e de debatelo con moita xente, estou plenamente convencido de que este é o emprazamento idóneo para este fermoso busto porque foi un dos espazos onde este ilustre veciño ensaiaba co seu grupo “Teatro do Aquí” e onde representou moitas das súas obras”.

García agradeceu tamén a presenza da familia de Vidal Bolaño, “á quen temos que agradecer que sigan mantendo esta relación de afecto con Brión e que sempre estean dispostos a colaborar para a difusión da cultura no noso municipio”e rematou citando unhas palabras coas que o homenaxeado se describía a si mesmo: “Un señor maior con sombreiro e bigote que, de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir POR e PARA unha das profesións hoxe en día máis absurdas do mundo e, sen embargo, por iso máis grandiosas”. O alcalde brionés convidou aos presentes a “xulgar por vós mesmos se esa bendita irresponsabilidade de Vidal Bolaño está impregnada neste impoñente busto”.

Un grande do teatro

Na quenda de intervencións, o secretario xeral da Consellería de Educación, Anxo Lorenzo, destacou as distintas actividades organizadas dende a Xunta en 2013 en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, de quen destacou que “tamén estivo vendo nacer a dobraxe en lingua galega”. Ademais, adiantou que o Centro Dramático Galego representará en Lisboa unha obra de Vidal Bolaño no ano 2015.

A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou que 2013 “foi un ano de moitas homenaxes pero o de hoxe é máis especial. Que os veciños se reúnan para facer unha homenaxe a Roberto di moito dos veciños de Brión e di moito da persoa que era Roberto Vidal Bolaño”. Pola súa banda, o secretario xeral da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, salientou que Vidal Bolaño é “unha persoa dominada por un trazo de retranca, de ironía e de humor galego, cunha capacidade crítica corrosiva, en ocasión. Foi un dos puntais do desenvolvemento do teatro galego contemporáneo. Case que chegou a representalo”.

O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Avelino González, lembrou como hai uns anos ensaiaba nese mesmo lugar ás ordes de Vidal Bolaño. “A Roberto non lle gustaban os actores creativos, gustáballe que se fixera como el o escribía”, comentou e destacou que “o bo que tiñan as súas obras eran que estaban inspiradas en nós. Os veciños de Brión fostes inspiradores das súas obras pois das vosas vidas el sacou esas doses de beleza e soubo escribilas de tal xeito para facer unha obra de teatro e divertir ao espectador”. Ademais, González fixo unha reivindicación: “Roberto non era un gran autor de teatro galego. É un dos grandes autores de teatro contemporáneo. E punto. Sen fronteiras, sen complexos e sen límites”.

Roi Vidal

Un punto que compartiu o presidente da asociación Roberto Vidal Bolaño e editor de Edicións Positivas, Francisco Macías, quen dixo que “era un autor de talla mundial e gustaríame que todo isto fose o inicio dun maior recoñecemento da obra de Vidal Bolaño”. Macías aproveitou tamén para dar lectura a unha mensaxe do fillo do homenaxeado, Roi Vidal, quen dicía que “motivos familiares e de distancia xeográfica impídenme acudir hoxe a Brión. Dende a distancia, quero expresar a miña gratitude e sumarme á celebración. Eternamente agradecido”.

Víctor Freixanes, veciño de Brión e membro da RAG e do CCG, falou de que “o nariz de paiaso de Roberto é unha marca do teatro galego” e destacou “a súa capacidade para observar e contar a realidade dende o humor, onde é impresionante a súa visión crítica”. Ademais, sinalou que “nuns tempos de crise e moi duros para a cultura, Roberto representa o pulmón a imitar, a persoa que é quen de facelo todo no teatro: escribir, actuar, promover o espectáculo… non coñezo a ningunha outra persoa igual”.

Finalmente, Belén Quintáns, viúva de Vidal Bolaño, agradeceu o “trato excepcional e abrumador dun concello tan pequeno como Brión, sobre todo en comparación con outros que terían moitas máis capacidades”. Neste sentido indicou que “hai institucións que deberían preocuparse porque houbese unha compañía estable que represente a autores como Vidal Bolaño, porque é o autor dramático galego por excelencia. Espero que algún día se entenda”.

Escultura

A escultura ocupa un lugar destacado no municipio: a carballeira de Santa Minia, concretamente no xardín situado en fronte da Casa da Cultura. Un lugar cargado de simbolismo pois era onde Roberto Vidal Bolaño ensaiaba co seu grupo “Teatro do Aquí”. Ademais, a data escollida (31 de xullo) coincide co 64 aniversario do nacemento do ilustre dramaturgo.

O busto de Roberto Vidal Bolaño foi deseñado polo recoñecido debuxante e deseñador gráfico Xosé Vizoso, residente en Brión e un dos grande deseñadores de Sargadelos. A escultura en bronce foi elaborada polo propio Vizoso en colaboración con Roge Fernández e Cuqui Piñeiro, a través da técnica de fundición en bronce á cera perdida (Fundición Wenceslao).

1 de agosto de 2014 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.