Educación investirá 22.0000 euros na mellora dos sistemas eléctrico e de calefacción do Ceip A Lomba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A xefatura territorial de Educación comunicou esta mañá á concelleira, Rocío Llovo, as melloras que teñen previsto acometer de inmediato no colexio de A Lomba. O departamento autonómico investirá 22.000 euros en intervencións na calefacción e no sistema eléctrico que presentaban varias deficiencias pese á recente construción do centro.

No reforma da instalación eléctrica do colexio investiranse 14.000 euros que permitirán adecuar os equipos de iluminación de evacuación aos niveis esixidos pola lexislación, instalar dispositivos de protección nos cadros eléctricos e unha caixa de protección homologada conforme aos requisitos da compañía subministradora, así como cambiar a traxectoria da liña de derivación ao centro para eliminar as caídas de tensión que provoca a actual.

Os 8.000 euros restantes destinaranse á reforma da instalación de calefacción e do sistema de Auga Quente Sanitaria (AQS) Solar do colexio A Lomba. A actuación prevé instalar un sistema de regulación para optimizar o funcionamento da calefacción mellorando a súa eficiencia, así como illar as tubarias do sistema solar de produción de auga quente para evitar perdas enerxéticas. Por último corrixirase a altura de evacuación de fumes para mellorar o funcionamento do grupo térmico e tamén adaptalas aos requisitos legais.

As obras realizaranse de xeito inmediato, xa que deberán estar listas para o inicio do vindeiro curso.

Llovo congratulouse da noticia e agradeceu a atención que a Xefatura provincial lle está a prestar ás necesidades das infraestruturas educativas que se lle trasladan dende Vilagarcía.

6 de agosto de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.