Educación destina máis de 132.000 euros ás obras de mellora en 11 centros da Coruña
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, levará a cabo ao longo destes meses varias obras de mellora en once centros de ensino do concello da Coruña, cun investimento total de 132.474 euros. Estas actuacións estanse a desenvolver en colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e institutos de Educación Secundaria (IES) da cidade. A execución destes traballos estase a levar a cabo durante o período non lectivo das vacacións estivais co fin de non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica e de que estean listas para o inicio do vindeiro curso.
Aos colexios de Educación Infantil e Primaria da localidade consignáronselles 34.232 euros para acometer reformas no comedor do CEIP Eusebio da Guarda, e instalar unha valla no patio do colexio Ramón de la Sagra. Ademais, no CEIP Curros Enríquez, construirase un novo baño nas aulas de Infantil.
Na mesma liña, actuarase en oito instituto de Educación Secundaria. Así, no IES A Sardiñeira, procederase á reparación do formigón dos aleiros do edificio e no IES Agra do Orzán, levarase a cabo unha redistribución das aulas. En canto ao instituto de Elviña, repararanse as goteiras nas aulas e no ximnasio e no IES Eusebio da Garda, reformarase o teito das escaleiras, impermeabilizaranse as terrazas e substituiranse os canlóns. No IES Fernando Wirtz Suárez, repintaranse as aulas e no Ramón Otero Pedrayo, as accións centraranse na substitución das cañarías de calefacción do ximnasio e na reforma do pararraios. Ademais, no IES Ramón Menéndez Pidal, arranxaranse os danos causados nas cubertas polos temporais do inverno, ao igual que no IES de Monelos, onde tamén se instalará unha tarima. En total, o departamento autonómico destinará 98.242 euros a estes proxectos.
Con estas actuacións a Xunta dará resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas dos colexios, coas que se consensuaron estas medidas. Neste senso, a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos.











