Eduardo Baamonde expón as súas “Melancromías” en Vilagarcía
A ala de Exposición Antón Rivas Briones acolle dende hoxe e ata o 12 de setembro unha nova mostra pictórica. Trátase da colección “Melancromías” de Eduardo Baamonde, un artsita plástico arraigado na bisbarra e cuxa obra sorprende polos seus intensos cores e as formas fantásticas que utiliza. A mostra componse de 45 obras.
Currículo
Naceu en Vilalba (Lugo) no l962. En Santiago cursa estudios de Historia da Arte, de Museoloxía e de Artes e Oficios. A partir de l988 exerce como profesor de Debuxo no Ensino Medio, con destino na actualidade no I.E.S. de Vilalonga (Sanxenxo). Amante do deseño gráfico e da pintura, empezou a crear imaxes e a expoñer a principios dos oitenta e, dende entón, leva feitas máis de cincuenta mostras individuais.
Nos últimos anos participa con asiduidade nos certames de pintura rápida, acadando varios premios e recoñecementos. Tamén é de destacar a súa actividade como ilustrador pois, ademais de carteis (entre eles o da Festa do Albariño da edición 2013) e anagramas, publicáronse os seus debuxos acompañando os textos de Ramón Caride –Boca da noite (2003), O cabo da serpe (2004) Ed. Everest- e Mario Franco Rodríguez –A derradeira campaña do capitán Samuel (2007) Ed.Toxosoutos-
No ano 2005 publicouse Tanta Miga e a súa barriga (Baiaedicións), no 2006 Plexiflai non foi ao festival (Everest), e no 2011 Pulgastel (Everest); os tres son contos infantís escritos e ilustrados polo propio Baamonde.
Cadernos de viaxe:
No ano 2008 publícase Aventura na Mariña (Consellería de Industria. Fundacións Comarcais da Mariña), libro promocional desta comarca luguesa -mestura de libro infantil ilustrado e banda deseñada- no que o texto e os debuxos de Baamonde destacan os valores patrimoniais, gastronómicos, paisaxísticos e culturais de todos os concellos que integran a Mariña.
No ano 2009, coincidindo co 50º do pasamento de Ramón Cabanillas, a Consellería de Desenvolvemento Rural e a Asociación CANDEA publican Polo Salnés con Ramón Cabanillas, libro no que os poemas do gran escritor cambadés acompáñanse das acuarelas e debuxos de Baamonde facendo un percorrido por todo este val.
No ano 20l0 sae á luz unha nova publicación en formato caderno de viaxe: De acuarelas por Santiago (Edicións do Cumio) no que Baamonde realiza tanto as acuarelas como os breves textos explicativos de cada localización.
Tamén no 2010 publicouse o caderno Ruta Pardo de Cela (TRASLUZ-LUKUS) con texto de Carlos Andrés González Paz e acuarelas de Eduardo Baamonde. Neste caso o percorrido artístico recolle os puntos de maior interese turístico dos concellos de Foz, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo e Lourenzá.
No 2012 sae á luz Cambados, caderno con vocación de guía editado por Factoría K de Libros en colaboración co Concello desta vila e no que se recolle unha coidada selección das acuarelas feitas ao longo de varios anos por Baamonde.
No 2013 publícanse outros dous novos cadernos de viaxe, nesta ocasión a cargo da Asociación Cultural Casa das Letras: Ribadeo e Camiño Norte. Este último contou co apoio do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia.
No 2014 saen á luz o caderno O Grove, acuarelas-watercolours, editado en versión trilingüe por Todogrove edicións e A Mariña de Lugo, publicado pola Mancomunidade da Mariña e a Casa das Letras
Polos seus traballos nesta faceta de caderno de viaxe foi seleccionado para participar na XIII Biennale de Carnet de Voyage de Clermont Ferrand (XI-2012), a feira máis importante a nivel internacional desta especialidade.
Unha das técnicas máis utilizadas por este pintor, como se pode comprobar, é a da acuarela, o que lle levou a participar no X Festival des Aquarellistes de Bagnols-en-Beaujolais (2006), recibindo a súa orixinal obra unha excelente acollida. Na súa faceta como debuxante de caderno é de destacar que foi un dos primeiros corresponsais do movemento urbansketcher en España.
Os murais son outra faceta na que podemos apreciar a súa capacidade pictórica e, como exemplo, no ano 2006 dentro do proxecto Voz Natura, acometeu o deseño do acondicionamento dun xardín infantil e a execución dun mural de 90 metros cadrados nunha fachada do Centro de Saúde de Vilalba.
Tamén se poden contemplar varios murais de gran formato e adaptación a diferentes marcos no Restaurante Montero (Vilalba-Lugo)











