Dispositivo de seguridade e mobilidade con motivo do Noroeste Pop Rock
O Concello da Coruña informa o dispositivo de seguridade e mobilidade que se porá en marcha os próximos dous días, 8 e 9 de agosto, con motivo do festival Noroeste Pop Rock. Participarán no dispositivo os seguintes Corpos de Seguridade e Servizos: Policía Local, SEIS, Protección Civil, Cruz Vermella e o Corpo Nacional de Policía.
Procederase a realizar cortes de tráfico na zona do Paseo Marítimo, desde a Glorieta das Escravas até a rúa Modesta Goicouría. Prevese cortar o tráfico a partir das 21.30 horas, tanto o venres 8 como o sábado 9, con previsión de apertura da circulación sobre as 04.00 horas. O Concello aconsella as seguintes alternativas:
– Os condutores que se despracen desde a zona de Monte Alto serán desviados pola rúa Modesta Goicouría en dirección a praza de Pontevedra, tendo como alternativa para desprazarse ao centro ou saída da cidade a rúa San Andrés.
– Aqueles condutores que entren na cidade pola avenida de Alfonso Molina (Linares Rivas) ou avenida do Exército aconséllase a súa circulación polos Cantóns.
– A aqueles condutores que entren pola zona de Rolda de Outeiro ou avenida de Finisterre en dirección cara ao centro da cidade, aconséllaselles que circulen pola avenida de Finisterre ou pola avenida de Arteixo, estes últimos en dirección Juan Flórez e Linares Rivas.
– Aqueles condutores que se dirixan ao centro desde a zona Glorieta Pavo Real (Rolda de Outeiro) e Os Rosales, ao estar cortado o Paseo Marítimo a partir da rotonda das Escravas, aconséllaselles a circulación pola avenida de Gregorio Hernández baixando Paseo de Rolda até Alfredo Vicenti, ou ben desprazarse cara á avenida de Finisterre. Os condutores que veñan da avenida da Habana terán que dirixirse obrigatoriamente cara á vía superior da Praza de Portugal collendo logo cara a Alfredo Vicenti ou ben a avenida de Calvo Sotelo cara a Paseo das Pontes.











