Deputación e Concello asinan un convenio pola recuperación da tradición oleira en Samos
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde do Concello de Samos, Julio Gallego Moure, asinaron hoxe na Casa Consistorial samonense un convenio de colaboración con este Concello, por importe de 6.250 euros, para a recuperación da tradición oleira da comarca.
No acto, no que tamén participou a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o prior do Mosteiro de Samos, José Luis Vélez, a Vicepresidenta subliñou que “este convenio é un paso máis na aposta da Deputación pola recuperación do patrimonio etnográfico e cultural de Samos e, polo tanto, de toda a nosa provincia”. Lara Méndez subliñou que “o labor de conservación e potenciación da tradición cultural lucense é traballo de todos, administracións e veciños”.
Con este tipo de iniciativas, a Deputación colabora na preservación do oficio dos “cacharreiros” lucenses que supoñía “unha manufactura de carácter funcional e práctico que situou á provincia no mapa galego, pola calidade e variedade dos obxectos creados”, segundo destacou Regina Polín. Pola súa banda, o Alcalde de Samos, agradeceu o esforzo da Deputación por recuperar o patrimonio cultural de Samos, ó igual que o prior, quen tamén destacou que o mosteiro está aberto a futuras colaboracións coma esta, que redundan en beneficio do pobo.
Curso de olería no Mosteiro de Samos
O convenio asinado hoxe contempla unha serie de actuacións de apoio e estímulo encamiñadas á conservación, protección e promoción da tradición oleira de Samos. Entre estas destaca a organización dun curso de olería, e que será impartido por un dos últimos artesáns oleiros da zona.
A acción formativa, con 10 prazas dispoñibles, celebrarase no Mosteiro de Samos entre o 15 de setembro e o 21 de novembro, en horario de 16:00 a 21:00 horas e ofrecerá 250 horas de formación teórica -análise e estudo das pezas tradicionais de Samos; coñecementos acerca das barreiras e os fornos tradicionais-, e práctica -preparación do barro; técnicas de torneado, de churro e de planchas, facer vidrados sen chumbo, e o segredos da cocción das pezas, serán obxecto deste completo curso.
Os interesados en participar xa poden inscribirse e obter máis información sobre datas, horarios ou prezos de matrícula en www.deputacionlugo.gal. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.
Preservar a identidade lucense
A Deputación colabora deste xeito na preservación deste oficio identitario, que en Samos mantivo unha intensa actividade oleira dende o século XVIII ata os anos 50 do século pasado. A zona contaba con numerosos fornos, cuxas dúas cámaras –de combustión e de cocción-, diferenciábanos dos fornos empregados nas outras comarcas oleiras da provincia, Sober, Gundivós e Mondoñedo. Tradicionalmente ligada ó campo, á agricultura, a olería pasou de ser un oficio de gran importancia no día a día, xa que esta tiña un carácter práctico e funcional grazas á fabricación de pezas que resolvían problemas cotiás, ata a súa práctica desaparición.
Entre os factores que motivaron esta desaparición, os expertos destacan os cambios radicais que sufriu o rural; a substitución do barro por materiais como plástico, cristal e porcelana ou as influencias externas doutras cerámicas. A aparición de novas pezas, moitas delas destinadas á decoración, supuxeron a perda da identidade da que gozaban as pezas tradicionais das comarcas oleiras da provincia.
Este tipo de iniciativas postas en marcha polo organismo provincial impulsarán a recuperación dun oficio que, tal e como subliñou Regina Polín, “tendo en conta a importancia e o recoñecemento que chegou a acadar máis aló da nosa terra, é un patrimonio cultural que non podemos permitir que desapareza”.