Deputación de Pontevedra e CEP traballan nunha misión comercial para promover a internacionalización da economía da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra traballa coa Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) no desenvolvemento dunha misión comercial ó exterior co obxectivo de promover a internacionalización da economía da provincia. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa tras reunirse co presidente da CEP, Luis Novoa Díaz, co que abordou a situación económica e a marcha dos diferentes sectores produtivos de Pontevedra.

Louzán destacou o éxito de anteriores misións comerciais nas que xa colaborou a Deputación e amosou a súa plena disposición a retomar esta cooperación para poñer en marcha unha nova busca de novas oportunidades no exterior.

Esta misión comercial, de carácter multisectorial e na que participarían unha trintena de empresarios, tería lugar no último trimestre do ano. Nestes momentos a CEP baralla diversos países do mundo como destino posible para que os distintos sectores produtivos da provincia poidan establecer negocio.

Emprego

Tanto Louzán coma Novoa Díaz incidiron en que o problema principal da provincia nestes momentos é o desemprego, polo que se fai especialmente necesaria a cooperación público-privada.

Neste eido Louzán destacou os dous plans de práctica laboral en empresas en marcha nestes momentos: un plan no que 500 mozos titulados están xa traballando en empresas da provincia e outro que na actualidade está en fase de valoración das solicitudes que 2.500 titulados presentaron para poder adquirir experiencia en máis de 400 empresas pontevedresas.

Novoa agradeceu esta actuación da Deputación e incidiu en que “calquera axuda” que facilite e impulse a contratación é boa.

Indicou que “aínda que sexa pouquiño a pouco, a economía estase recuperando” e as empresas detectan xa unha melloría no seu movemento económico, polo que “xa comezamos a contratar”.

Como sectores nos que máis se nota esta recuperación citou a industria, fundamentalmente nas pequenas e medianas empresas, a construción e os servizos.

8 de agosto de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.