Denso ofrece ao comité un convenio a tres anos con incremento salarial e contratacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press

A auxiliar da automoción Denso (que fornece equipos de climatización á planta viguesa de PSA Peugeot Citroën) ofreceu aos sindicatos a firma dun convenio colectivo cunha vixencia de tres anos, con incremento salarial e contratacións, coa esperanza de que estes acepten a proposta e poder “pechar o conflito” desatado coa convocatoria dunha folga indefinida, que está xa no seu terceiro día.

Así o trasladaron fontes da empresa, sen dar máis detalles da oferta, que tamén inclúe redución de xornadas laborais. A dirección da planta sinalou que respecta o dereito á folga dos traballadores, pero fixo un chamamento aos sindicatos para tratar de chegar a un acordo e acabar cunha folga que “mingua a competitividade” da empresa, nun “contexto complexo” para o sector.

Así mesmo, a compañía mantén que segue disposta ao diálogo aínda que cre que os argumentos da parte sindical non xustifican unha medida da envergadura dunha folga indefinida. Por iso, insta aos representantes dos traballadores a pactar “o mellor convenio posible no menor período de tempo” (o convenio está a negociarse desde abril pasado).

Este chamamento de Denso faise público 24 horas despois de que o seu principal cliente na comarca de Vigo, a planta de PSA Peugeot Citroën, apelase tamén á responsabilidade das partes para acabar cun conflito que mingua a competitividade e dana a imaxe do sector.

28 de agosto de 2014 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.