CxG considera prioritarias outras actuacións en Santiago antes que facer un bosque no Gaiás
Compromiso por Galicia Compostela valora de xeito negativo a proposta da Xunta de Galicia e do novo alcalde designado para o acondicionamento dun bosque autóctono na área que rodea a Cidade da Cultura. Compromiso entende que “esa actuación non é nen sequera unha das primeiras cen prioridades da cidade de Santiago, e en tempo de recursos escasos compre priorizar os investimentos en cuestións que afecten á maioría”.
A Executiva Local de Compromiso recorda que Santiago de Compostela dispón de numerosas zonas verdes no contorno da cidade e nos propios barrios como a Granxa do Xesto, a Selva Negra, o parque do Paxonal (Eugenio Granell), a Alameda, o campus, o parque do Auditorio ou o parque da Almáciga. “Santiago é a cidade galega con máis zonas verdes, polo que, aínda que en Compromiso gostamos das árbores e a verde é a nosa cor, pensamos que hai outras prioridades para os recursos públicos, como por exemplo o lamentable estado das vías e obras ou da iluminación dos barrios da cidade, aínda que estas cuestións non fiquen tan ben na foto”, afirma a formación galeguista.
Desde Compromiso lémbrase que a día de hoxe, as veciñas e veciños de Santiago pagan 3.327.000 euros cada ano á empresa CESPA para o mantemento dos numerosísimos parques e xardíns cos que conta a capital da nación. Enténdese que a creación do que se deu en chamar “bosque de Galicia” non debería ser unha prioridade nunha cidade con 7.800 demandantes de emprego e que sufre un estancamento económico notable debido á caída de alumnos na universidade e á redución de persoal nas administracións públicas.
Así, desde CxG lémbrase que esta actuación do Partido Popular resulta contraditoria coa decisión de paralizar os investimentos nas Brañas do Sar que no seu momento tomou o alcalde do PP, Gerardo Conde Roa, unha decisión política que impediu a conexión entre os barrios de Sar e Pontepedriña.
Por último, Compromiso entende que o actual goberno designado, que non eleito, por Agustín Hernández debería limitarse a facer xestión ordinaria dada a súa falta de lexitimidade democrática e non investimentos electoralistas que comprometan os recursos para o futuro, como o caso do bosque do Gaiás.











