publicidade hoxe

Cultura destinou 350.000 euros á restauración do Mosteiro de Armenteira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeis
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ao Mosteiro de Armenteira

Xesús Vázquez na visita ao Mosteiro de Armenteira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a Igrexa do Mosteiro de Armenteira tras as obras realizadas para a súa restauración, onde salientou o investimento de preto de 350.000 euros realizado desde o 2009 polo seu departamento para posta en valor deste Ben de Interese Cultural (BIC). Neles inclúese tanto a rehabilitación da igrexa como a reparación dun tramo do muro perimetral que pecha a finca do mosteiro, co que se procurou frenar o deterioro da parte na que se apoia a fonte existente á entrada do adro no cenobio.

As actuacións desenvolvidas na igrexa corresponden á segunda fase da restauración do templo, tras a realizada entre os anos 1991 e 2006, e permitiron mellorar de forma considerable o aspecto exterior do templo, ao abeiro da colaboración establecida coa Deputación de Pontevedra e a Diocese. Para iso realizáronse traballos de limpeza e restauración de fachadas, en especial a portada; de substitución e restauración das carpinterías, incluídos vidros de protección interior para o rosetón da fachada; e de reparación do pavimento interior. Asemade, acometeuse o soterramento de acometida eléctrica, construíuse unha rampla de acceso lateral para facilitar a accesibilidade ao templo, e drenouse o pavimento do adro con fin de mellorar as súas condicións de conservación.

Durante a súa visita a Armenteira o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, e salientou o compromiso do seu departamento cos monumentos que “como este Ben, son representativos do inmenso patrimonio cultural que atesoura Galicia”. “A Xunta de Galicia – engadiu- está a facer un importantísimo esforzo no actual contexto económico para realizar investimentos desta magnitude que garantan a conservación do valor deste conxunto e o legado as xeracións vindeiras”.

Así mesmo Vázquez Abad abordou coa congregación do Mosteiro a posibilidade de intervir en outros tramos do muro perimetral do mosteiro, no momento no que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan. Concretando que, se é posible este mesmo ano, licitaríase unha primeira actuación, que podería alcanzar os 10.000 €, para arranxar algún outro tramo pertencente á tapia do mosteiro que se seleccione pola súa gravidade ou pola necesidade perentoria de intervención.

Un conxunto iniciado no século XII

O Mosteiro de Armenteira foi poboado por monxes de Claraval en 1164 e, segundo inscricións gravadas nos arcos, a súa igrexa data do 1181. O templo está conformado por tres naves e tres ábsidas semicirculares, con apilastrados, arcos apuntados e bóvedas de canón e de forno. A iluminación da igrexa procede das fiestras de tipo mudéxar, da lanterna de oito cascos sobre nervios paralelos e trompas cónicas que se atopa no cruceiro, e do rosetón de tracería lobulada sinxela. A fachada complétase ademais cunha porta abucinada con arquivoltas de medio punto.

O claustro do mosteiro iniciouse no último cuarto do século XVI e remátase un século mais tarde; mentres que a galería e a fachada datan de finais do século XVIII. A recuperación do conxunto do mosteiro iniciouse nos anos 60 do século XX por Carlos Valle-Inclán e os Amigos de Armenteira. Asemade, a Xunta de Galicia, entre 1991 e 2006, levou a cabo diferentes dez intervencións de diferente alcance tanto na Igrexa, nos edificios do claustro, como os seus espazos de acceso.

6 de agosto de 2014 | 20:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.