Críticas polo cobro íntegro do recibo de lixos de Lugo a pesar da folga
O vicevoceiro do Partido Popular en Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que este martes se pasara aos cidadáns o recibo “íntegro” do servizo de limpeza correspondente ao segundo trimestre de 2014, que inclúe días do mes de xuño nos que a folga interrompía a recollida.
Neste sentido, Ameijide asegurou que na factura que “os lucenses “recibiron” este martes “se pode comprobar que, no recibo correspondente á taxa municipal de auga, lixo e sumidoiros, a parte específica da recollida é idéntica no período de abril a xuño á de xaneiro a marzo, cun importe de 21,63 euros”.
“Isto supón, na práctica, que o concello de Lugo non descontou a parte proporcional correspondente aos días nos que non se presentou servizo, ao longo dos 21 días nos que se prolongou o paro durante o mes de xuño”, apuntou.
RÉPLICA DO GOBERNO
Non obstante, dende o goberno local, a través do seu gabinete de comunicación, criticaron que “unha vez máis o grupo municipal do PP deixa en evidencia a súa intención de enganar os lucenses e crear unha polémica onde non existe”.
Nesta liña, o concello apunta que, como dixo noutras “ocasións”, aos veciños de Lugo “se lles vai descontar a parte proporcional correspondente” a esta folga nas súas facturas, “no momento que se puidese facer administrativamente”.
“O desconto aplicarase no seguinte recibo, que se pasa ao cobramento no mes de outubro e no que se inclúen parte do mes de xuño-xullo-agosto-setembro,”, explica o goberno. “Neste recibo non se fixo desconto por dous motivos -xustifica o executivo socialista-: o primeiro porque non deu tempo administrativamente, xa que se traballa de xeito trimestral, e en segundo lugar porque solo afecta a uns días de xuño, co cal a folga aínda non concluíra e non se podía calcular a parte proporcional do mes”, sentenciou o consistorio.
Finalmente, ampárase o goberno local que “non se debe de esquecer que o concello de Lugo ten un dos recibos máis baratos de España xa que a media é de 21,63 euros cada trimestre nunha vivenda urbana e na zona rural non se paga”.
NOVA REUNIÓN
Ao fío das 17.30 horas deste martes deu comezo a quinta das reunións que manteñen os representantes dos traballadores de Urbaser e a dirección da contrata do lixo en Lugo, no mesmo escenario do Gran Hotel.
Con este son xa 13 contactos mantidos para actualizar o convenio, oito antes do inicio do paro, o noveno en xuño, e catro despois, co mesmo resultado negativo para o acordo dende ambas as dúas partes.
O último contacto, o deste martes, iniciouse cun atraso de 25sobre o horario previsto inicialmente. Celébrase a convocatoria do consello Galego de Relacios Laborais.











