publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o avance das obras do plan marco en Portas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortas
A-
A+
Cores Tourís na visita a Portas

Cores Tourís na visita a Portas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron para a mellora de dous camiños rurais do concello de Portas dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Roberto Vázquez.

Nesta visita estivo acompañado así mesmo polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

Trátase de dous camiños do concello na parroquia de Romai. Por unha banda, o camiño de Romai Vello conta cunha lonxitude de 500 metros e unha anchura de catro metros e medio, e, por outra, o de Tarrio ten 450 metros de longo e tres e medio de ancho.

As labores levadas a cabo nestes camiños rurais consistiron no varrido da superficie dos vieiros e no seu posteriro asfaltado con aglomerado en quente.

O investimento nestes traballos terá un custo total de arredor dos 46.102,94 euros.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca de Caldas de Reis, investiranse ao longo do presente ano un total de 318.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Portas para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Portas, o investimento en mellora de vías rurais foi de case 1.223.000 euros dende ese mesmo ano.

29 de agosto de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.