Cores Tourís comproba as melloras da instalación eléctrica no IES Ramón Cabanillas de Cambados

Cores Tourís no IES Ramón Cabanillas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cambados para analizar co alcalde do municipio, Luis Arangunde, as obras de mellora da instalación eléctrica que se están a realizar no IES Ramón Cabanillas e para dar a coñecer o inicio das obras na cuberta do CEIP Antonio Magariños.
Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, así como co equipo directivo do centro.
O delegado territorial explicou que a obra suporá a renovación integral da instalación eléctrica. “Estes traballos supuxeron un investimento de 46.519,66 euros e atopábanse como prioritarias dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación”, matizou así mesmo o responsable da Xunta en Pontevedra.
Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas outras melloras no centro como son a reposición de falsos teitos, a reparación da cuberta e da cuberta da biblioteca, a reforma da sala de caldeiras e a adecuación de novos espazos .
Cores Tourís destacou así mesmo que nos últimos anos lévanse realizado diversas obras de mellora e reforma nos institutos do municipio, nas cales se leva investido máis de 163.000 euros por parte da administración autonómica.
O responsable da Xunta en Pontevedra recalcou, deste xeito, os máis de 850.000 euros investidos nos centros educativos do concello de Cambados por parte da Xefatura Territorial de Cultura e Educación. “Este é un investimento moi importante para a adecuación e benestar dos centros do concello de Cambados”, rematou o delegado territorial.
A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e máis de 800.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís. Isto unido a colaboración por parte dos concellos, fai que a cifra ascenda aos tres millóns de euros.
Inicio das obras no CEIP Antonio Magariños
Para finalizar, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra anunciou así mesmo a contratación da nova obra de mellora e adecuación da cuberta da pista polideportiva do CEIP Antonio Magariños.
“O colexio está formado por dous patios e un deses patios está cuberto e destinado a un uso de pista deportiva. Co paso do tempo esta pista deportiva cuberta deteriorouse, tanto no cerramento exterior como na cuberta existente, o que provocou que non se poida desenvolver a actividade para a que foi proxectada”, explicou Cores Tourís.
Os traballos polo tanto consistirán na substitución dos materiais da cuberta existente por panel sándwich nervado, no reforzo da estrutura existente e na substitución do material utilizado no cerramento exterior nas partes onde xa existe e na colocación dun novo nas zonas que se atopaban abertas. “Desta forma, a pista polideportiva quedará pechada en todo o seu perímetro”, comentou o delegado territorial, que engadiu que, ademais, “na fachada sur colocaranse dúas portas de acceso á pista”.
“Estas obras foron contratadas por un presuposto de máis de 76.000 euros e comezarán nos próximos días” matizou Cores Tourís, que rematou recordando que “xunto os 30.000 euros da reposición de ventás do CEIP Castrelo, lévanse investido no 2014 arredor de 100.000 euros nos centros educativos de Cambados”.











