publicidade hoxe

Cores Tourís analiza en Poio as obras de mellora no CEP de Espedregada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao centro

Cores Tourís na visita ao centro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Poio para analizar co alcalde do municipio, Luciano Sobral, as obras de mellora que se están a acometer no CEP de Espedregada.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, así como do portavoz do PP en Poio, Ángel Moldes e da directora do centro.

O delegado territorial destacou os case 15.000 euros que se levan investido coa colaboración do concello de Cambados no CEP de Espedregada no presente ano. Os traballos que se están a realizar consisten en diversas melloras como a dos sanitarios, das portas, das ventás e das persianas.

A Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas, así mesmo, nos últimos anos diversas melloras no CEP de Espedregada por un valor de case 100.000 euros, como son a reforma da instalación de fontanería, a instalación dun depósito de combustible de calefacción e a reposición da cuberta. “Esta última obra foi dotada con case 60.000 euros”, destacou o delegado territorial, que matizou que “esta reforma constituíu unha importante mellora para o acondicionamento e a calidade do centro”.

Cores Tourís recalcou, deste xeito, que a administración autonómica leva investidos nos centros educativos do municipio de Poio máis de 473.000 euros. “Este é un investimento moi importante para a adecuación e benestar dos centros do concello de Poio”, rematou o delegado territorial.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e máis de 800.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís. Isto unido a colaboración por parte dos concellos, fai que a cifra ascenda aos tres millóns de euros.

27 de agosto de 2014 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.