Conde avoga por seguir dotando de carga de traballo as gradas de Navantia
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe que Ferrol é unha “absoluta prioridade” para o Goberno galego, e avogou por seguir dotando de carga de traballo ás gradas de Navantia. Para isto, explicou Conde, a empresa debe impulsar a súa política comercial, potenciar a súa área de reparacións, e diversificar a súa actividade produtiva, poñendo en valor as instalacións tanto de Fene como de Ferrol.
Neste contexto, no tocante ao dique flotante, o titular de Economía e Industria destacou que Navantia non pode afrontar a súa construción se iso leva como consecuencia o incumprimento de axudas do Estado. Así, explicou Conde, Navantia e o Goberno teñen a responsabilidade de cumprir coa normativa europea, garantindo a seguridade xurídica e que non haxa sancións adicionais por incurrir en axudas de Estado ilegais.
“Navantia e o Goberno teñen que ser absolutamente garantistas, non só co cumprimento do veto senón especialmente, e partir de xaneiro de 2015, con calquera actuación que supoña un incumprimento das normativas europeas”, incidiu Conde.
Así mesmo, o conselleiro salientou a importancia do traballo conxunto desempeñado ata o de agora entre Xunta, Goberno central e o sector. Un esforzo que, segundo indicou, ten permitido que o naval ferrolán estea a vivir unha nova etapa.
“Estamos na boa dirección”, apuntou Conde, quen lembrou que cando se plantexou o proxecto do dique flotante, Navantia non tiña ningún tipo de contrato e hoxe conta con catro novos contratos que duplican o investimento que suporía a propia construción do dique. Así, ademais do barco contratado pola Mariña Española, conseguiuse a construción do flotel para Pemex, o deseño do buque LHD para a armada turca, e a transformación do Monforte de Lemos.
Todas estas cifras, proseguiu o conselleiro, amosan o compromiso con Ferrol. Agora, explicou, o estaleiro público debe seguir aproveitando as súas capacidades e conseguir aínda máis carga de traballo, ser máis competitivo na área de reparacións, e diversificar as súas actividades industriais aproveitando as capacidades de Fene e Ferrol.











