Concello de Ferrol e Ministerio de Defensa continúan traballando para pechar definitivamente o convenio de cesión de propiedades militares
A voceira do Goberno Municipal de Ferrol, Martina Aneiros Barros, asegurou hoxe que “as boas relacións entre o Concello e Ministerio de Defensa e a forma de traballar seria por parte das dúas administracións está permitindo avanzar no convenio”. Neste sentido, a edil ferrolá sinalou que o Concello de Ferrol “está a seguir todos os trámites pertinentes para que o convenio sexa por fin unha realidade e se poida aprobar en Pleno antes de que finalice o ano”.
Ademais, Martina Aneiros quixo aclarar as críticas do PSOE sobre este asunto. Ao respecto, a voceira do Executivo local manifestou que as declaracións do grupo socialista “responden unicamente ao oportunismo político”, explicando que “en ningún momento Defensa requiriu ao Concello de Ferrol sobre o mantemento das propiedades militares; senón que se trata dun escrito que forma parte dos trámites previos para a firma definitiva do convenio, e no que o Ministerio describe a situación en que se atopan os bens que vai ceder á Administración municipal”. “Comprendo que o PSOE estea en plena campaña de primarias, pero creo que esa non é razón suficiente que xustifique a terxiversación que pretende facer co asunto do convenio de Defensa”, engadiu a responsable municipal.
Nesta liña, a voceira do Goberno ferrolán preguntou directamente ao PSOE que “se é certo que eles deixaron un convenio pechado con Defensa en 2007 como é que as propiedades aínda non son de titularidade de todos os veciños desta cidade”. Así mesmo, Martina Aneiros censurou ao PSOE por “ter o atrevemento de falar de mantemento de parcelas militares, cando todos sabemos que foi precisamente durante o pasado mandato socialista cando se fixo unha actuación no Sánchez Aguilera que está nos xulgados”.
Convenio ambicioso
Por último, Martina Aneiros insistiu en que o convenio con Defensa que está a xestionar o actual Goberno, e que se prevé que estea listo antes do vindeiro mes de decembro, mellora de maneira substancial as negociacións que o anterior executivo do PSOE mantivo con Defensa pois incorpora dúas novas propiedades: a antiga estación de radio de Mougá e o observatorio de Monteventoso. “En total e grazas a este convenio, Ferrol disporá de máis de un millóns de metros cadrados de superficie para xerar unha bolsa de solo industrial, espazos dotacionais, novos equipamentos, etc.”, concluíu Martina Aneiros.











