Comezan as obras de mellora de estación de autobuses de Santiago valoradas en 350.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia as obras de mellora da estación de autobuses da cidade de Santiago, adxudicadas á empresa Atlántica de Construcciones y Medio Ambiente por un valor de 350.000 euros (328.839 €). Así, os traballos que se executarán durante a xornada de hoxe centraranse na instalación de vallas, sinalización e cabinas; mentres que na xornada de mañá os operarios iniciarán as tarefas con maquinaria para a mellora das instalacións.
Estes traballos que terán unha duración de seis semanas, están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.
Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega foron construídas entre os anos 70 e 90, faise necesario adaptalas ás novas esixencias normativas de accesibilidade tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios.
Neste aspecto na estación de autobuses de Santiago reconstruiranse as ramplas de acceso peonil á estación, a rampla de acceso á cafetería e construirase unha nova rampla para acceder aos aseos da entreplanta. Todas elas coas súas respectivas varandas e cun pavimento podotáctil no seu inicio.
Ademais se substituirán as escaleiras mecánicas de acceso dende a entreplanta ás dársenas por outras novas, eliminando os chanzos existentes na súa base e ampliando o foso da maquinaria. Outra mellora será a adaptación das escaleiras fixas que unen a planta principal coa entreplanta así como as de acceso da entreplanta ás dársenas, coa execución de novos chanzos, pavimento podotáctil no seu arranque e substitución das varandas.
Tamén se executarán melloras nos ascensores e se pintaran varias prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida incluída a colocación de sinal e execución de vado na entrada principal, ademais de apoios isquiáticos nos andéns e pintado dos bancos.
Outras accións a executar na estación centraránse na mellora das instalacións coa substitución do falso teito dos aseos da planta principal e das lámpadas dos ándéns por outras de maior potencia.
Plan Renove
Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.
O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.
Na actualidade, Galicia conta cun total de 45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 38 estacións.











