Comezan as obras da nova base para os voluntarios de Protección Civil no Coliseum
O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, acompañado polo director de seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e o presidente da xunta xestora da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), Pedro Méndez, informou esta mañá do comezo das obras da nova base da AVPC, que se situará no Coliseum.
“Esta nova base de voluntarios é a culminación do proxecto de dinamización de Protección Civil”, indicou Flores, quen engadiu “Pasamos dun galpón no polígono da Grela a unhas instalacións modernas que albergan o servizo municipal de Protección Civil no Coliseum e tamén se incrementaron os medios materiais, duplicouse o número de voluntarios e triplicouse o investimento en formación”.
Flores destacou que este proxecto supón cumprir un dos obxectivos fixados polo actual equipo de goberno para o servizo de Protección Civil. “Nestes tres anos puidemos contar cunha nova base para o servizo municipal, imos dispor dunha nova base para os voluntarios, reforzamos a flota de vehículos e os medios materiais, e logrouse un incremento importante do número de voluntarios. Esta nova base permitirá aos voluntarios de Protección Civil contar cun lugar adecuado para desenvolver a súa tarefa, un espazo que estará dispoñible as 24 horas do día, polo que poderán facer gardas ou estar en alerta en caso necesario”, sinalou o concelleiro.
As obras da nova base teñen un custo de 23.652 euros, comezarán este mes de agosto e finalizarán en dous meses e medio. A nova base de case 50 metros cadrados contará cunha zona de descanso, con taquillas para gardar os uniformes, lavadora e secadora; e unha segunda zona con duchas e dous dormitorios.
Flores tamén presentou unha nova furgoneta de nove prazas para o transporte de voluntarios aos dispositivos, adquirida por un importe de 21.300 euros tras a realización dunha licitación pública. “Protección Civil conta con 14 vehículos para desenvolver as súas tarefas e é a segunda furgoneta que entra en servizo este ano, tras a incorporación da moderna ambulancia que entregou a Deputación da Coruña ao servizo municipal de Protección Civil a finais de 2013”, indicou o concelleiro, e continuou: “Fixemos este esforzo para incorporar unha nova furgoneta debido a que no que vai de ano deron cobertura a máis de 150 eventos, desde actividades deportivas como carreiras populares ou probas de náuticas, a eventos festivos como concertos e festas populares, e tamén traballaron nas alertas por temporal”.
BALANCE
Flores agradeceu o labor e o compromiso da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e lembrou que se triplicaron os recursos económicos para a súa formación debido a que o número de voluntarios duplicouse,pasando de 47 en 2011 a 97 en 2013.
Os técnicos municipais e os voluntarios de Protección Civil desenvolven máis de 200 operativos cada ano. En 2013 realizaron 207 operativos e 2.596 xornadas de traballo, o que supón preto de 13.000 horas de traballo, destacando a súa participación na noite de San Xoán e en numerosos eventos deportivos e culturais (Cabalgata de Reis e de Entroido, concertos ao aire libre e no Coliseum, maratóns ou partidos de fútbol no estadio de Riazor), así como a súa participación en 16 actividades formativas con 318 asistentes, o seu labor nos dispositivos de emerxencias (como os desenvolvidos conxuntamente con Policía Local e bombeiros ante as alertas meteorolóxicas) e a súa colaboración con outros concellos da provincia en dispositivos en eventos festivos, culturais e deportivos.
Ademais, durante este mandato redactáronse novos protocolos de actuación fronte a riscos químicos e para alertas meteorolóxicas; e adaptáronse e melloraron os medios acuáticos na dársena de Oza.
Para finalizar, o presidente da xunta xestora da AVPC comunicou ao concelleiro que, tras a intensa actividade de dispositivos na época estival, centraranse en rematar o regulamento que permitirá convocar as eleccións para a nova xunta directiva antes de final de ano.











