Comeza o prazo de solicitude para as escolas culturais municipais de Teo
O Departamento de Cultura do Concello de Teo oferta xa un novo curso das Escolas Culturais municipais. Estas Escolas, este curso 2014-2015, manteñen a mesma oferta do curso pasado e o prazo de preinscrición nelas comeza o luns, 1 de setembro.
As artes escénicas continúan a súa oferta cun obradoiro de teatro, destinado a mozos e adultos. Este obradoiro que leva xa un par de anos funcionando mesmo representou varias funcións, tanto na xornada de clausura do curso no Auditorio da Ramallosa, como en actuacións realizadas fóra do territorio teense.
As artes musicais están representadas polos obradoiros de Guitarra, aos que se pode asistir, dependendo da capacidade, a partir duns dez anos de idade. Impártense no Salón de Actos do Local de Ensaio de Calo todos os martes e diferencian 4 niveis.
As artes plásticas vense recollidas nos obradoiros desta especialidade que se ofertan para nenos e nenas dos 3 aos 16 anos en dúas zonas diferentes do municipio: en Tras do Eixo, na parroquia de Oza e en Ameneiro, en Calo.
O Concello tamén colabora co Taller Alecrín de danza para poder ofrecer esta actividade á cidadanía, aínda que a xestión deste taller realízase directamente con este taller e a reserva faise telefonicamente no 881 981 738. Este obradoiro ten un custo de 13.50 euros mensuais.
Os espazos nos que se realizan os obradoiros están espallados pola xeografía de Teo co fin de achegar as actividades culturais a un amplo abano da poboación distribuíndo estas actividades de forma equitativa xeograficamente.
As actividades comezaron durante o mes de outubro, réxense polo calendario escolar e prolongaranse ata finais do mes de xuño, momento no que, como todos os anos, se dará clausura a estes obradoiros con distintas xornadas de exhibicións e exposicións dos traballos realizados durante o curso.
O prazo de preinscrición está establecido entre o 1 e o 17 de setembro e realizarase por orde de entrada no Rexistro de Entrada no Concello. Polo tanto, a partir do 22 de setembro as persoas preinscritas poderán consultar a súa admisión, ben na web municipal, ben no propio Departamento de Deportes municipal, antes de confirmar a matrícula mediante o pagamento da primeira taxa.
O custo das actividades é de 20 euros para cada trimestre e existen, ademais, diferentes exencións e bonificacións para as persoas que demostren as situacións sociais ou familiares reguladas mediante unha ordenanza municipal.











