Comeza nas rúas de Pontevedra a ambientación da Feira Franca con 5 quilómetros de telas e 500 estandartes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra iniciou nesta semana os traballos de montaxe para a ambientación da Feira Franca que se celebrará na primeira fin de semana de setembro, os días 5 e 6, no centro histórico da cidade. Nestes días instalaranse 500 estandartes, empregaranse 5 quilómetros de telas para ambientar fachadas e rúas, 3.000 metros de tela de saco e 500 metros de papel.

Dende o luns e até o próximo 6 de setembro produciranse traballos para acondicionar o decorado de todo o ámbito da festa, labores que se prolongarán até o día 11 cando comezará a retirada toda a andamiaxe e os últimos restos da festa.

Como é habitual instalaranse tres portas: na rúa Batista móntase a porta de Alhóndigas ao lado do Concello; na rúa Sarmiento, de saída a Cobián Roffignac montarase a porta de Santa Clara; e no paso da rúa Michelena á praza da Ferraría instalarase a porta de Trabancas.

Ademais montarase a Muralla medieval da cidade ao carón do Concello.

A ambientación acadarase tamén coa colocación de dous dragóns na praza de Ourense o xoves, 4 de setembro; de dúas árbores con elfos nos xardíns de entrada á Alameda, tamén o 4 de setembro; monolitos de cantigas na praza de Curros Enríquez, o 4 de setembro; o circuíto medieval infantil na praza da Pedreira, que se instalará e desinstalará o propio sábado, 6 de setembro; ou a decoración dos baños que se colocarán na Alameda.

Este ano faltará á cita da Feira Franca o castelo medieval que se instalaba na praza de España debido a que a organización detectou que é preciso deixar este espazo máis aberto por ser un lugar de transición entre distintos ámbitos de reclamo para os visitantes. De todos os xeitos, a organización ocupará unha parte da praza con actividades reordenando as que se desenvolvían en lugares próximos.

27 de agosto de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.