Comeza a pavimentación para a mellora da estrada que comunica a AC-400 con O Refoxo
A última fase das obras de mellora da estrada que comunica a AC-400 con O Refoxo, pasando tamén polos núcleos de Pereiro e Mantiñán (todos eles na parroquia de Soandres), está xa na súa última fase de execución, tal e como puideron comprobar hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o edil responsable da área de obras públicas, Jesús Souto, nunha visita á zona das actuacións.
A dotación co novo pavimento en aglomerado asfáltico en quente coa que se finalizarán as obras previstas está nestes momentos en marcha despois de que durante as últimas semanas se executasen as labores referidas á limpeza, acondicionamento dos sobreanchos e drenaxe da vía.
O proxecto afecta a unha distancia próxima aos dous quilómetros e está valorado en máis de 91.000 euros. Cóntase co cofinanciamento da Xunta de Galicia ao estar incluído no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do plan PDR Galicia 2007-2013 e que conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). A achega a cubrir con fondos propios municipais é superior aos 16.000 euros.
O Concello da Laracha continúa mostrando o seu compromiso co mantemento en bo estado da ampla rede viaria municipal, facilitando as comunicacións rodadas e mellorando a seguridade tanto nos cascos urbanos como nos núcleos rurais das trece parroquias.
Ao longo do verán, aproveitando que as condicións climatolóxicas son favorables para a realización deste tipo de traballos, desenvólvense diversas actuacións referidas á mellora do firme, como a recentemente realizada en catro vías da vila de A Laracha e as que se iniciarán nos próximos días con cargo ao Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos (POS), a través do que se investirán 151.000 euros na renovación da superficie de rodadura en estradas de once núcleos de poboación de dez parroquias do municipio.











