COGAMI inicia un curso de administrativo en Ourense no que se forman 13 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Esta semana iniciou nas instalacións que COGAMI ten en Ourense, na rúa da Farixa nº3, B, un curso de formación en Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais dirixido a persoas menores de 30 anos de idade en situación de desemprego, tanto a persoas con como sen discapacidade. Esta formación conta con 13 persoas, 4 mulleres e 9 homes, das que 8 teñen discapacidade recoñecida, e existe aínda a posibilidade de que poidan iniciar dúas persoas máis nos vindeiros días ata cubrir as 15 prazas ofertadas.

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Emprego e Benestar a través da Dirección Xeral de Emprego e Formación, este curso de administrativo ten unha duración de 448 horas distribuídas en clases de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas, co que rematará a finais do mes de novembro.

Operación de apoio administrativo básico e transmitir e recibir información operativa e xestións rutineiras con axentes externos da organización son a temática que engloba o curso e que se completará coa realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.

Con esta formación iniciada en Ourense, son un total de 10 os cursos de AFD que COGAMI oferta este ano en Galicia, co fin de especializar ás persoas con discapacidade nunha profesión que lles permita inserirse no mercado laboral canto antes.

7 de agosto de 2014 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.