COGAMI imparte en Lugo tres cursos de formación nos que se forman preto de 50 persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Nas instalacións que COGAMI ten en Lugo (rúa da Luz nº4, polígono de Fingoi) estanse a impartir tres cursos de formación para persoas con discapacidade en situación de desemprego, sendo estes de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais de 448 horas de duración, Actividades Auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería con 348 horas de clases e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos que ten 458 horas de duración.

Cofinanciados polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Emprego e Benestar a través da Dirección Xeral de Emprego e Formación, a cada un destes cursos asisten 15 persoas, contando o de Operacións Auxiliares e o de Viveiros con 7 mulleres e 8 homes, e o de Gravación de datos con 8 mulleres e 7 homes, procedendo a maioría do concello de Lugo, aínda que tamén algúns desprázanse dende os concellos de O Corgo, Vilalba, Castro de Rei e Vilalba.

Todas as persoas inscritas nesta acción formativa están apuntadas no servizo de intermediación laboral (SIL) que ten COGAMI en Lugo e todas teñen discapacidade ou unha incapacidade laboral recoñecida que lle impide desenvolver a profesión que desempeñaban. Outras, en cambio, fórmanse porque queren ampliar os coñecementos para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

Os tres cursos comprenden tanto a impartición de clases teóricas presenciais como tamén un período de prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.

A oferta de cursos AFD que imparte COGAMI este ano ascende a un total de 10, impartíndose, aparte dos tres de Lugo, outros en Santiago, Ferrol, A Coruña, Cabana de Bergantiños, Ourense, Mos e Pontevedra. Como finalidade teñen a de especializar ás persoas con discapacidade nunha profesión que lles permita inserirse no mercado laboral canto antes.

11 de agosto de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.