COGAMI forma como administrativas a 15 persoas con discapacidade da comarca compostelá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

As instalacións que COGAMI ten en Santiago (Modesto Brocos, nº7, 3º bloque, baixos) acollen un curso de formación en Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais dirixido a persoas con discapacidade. Esta formación conta con 15 persoas, 7 mulleres e 8 homes.

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Emprego e Benestar a través da Dirección Xeral de Emprego e Formación, este curso de administrativo ten unha duración de 451 horas distribuídas en clases de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, co que rematará a mediados do mes de novembro.

Todas as persoas inscritas nesta acción formativa están apuntadas no servizo de intermediación laboral (SIL) que ten COGAMI en Santiago e proceden dos concellos de Santiago, Ames, Teo, Negreira, Ordes e Zas. Todas teñen discapacidade recoñecida, e algunha delas procede doutras profesións das que non van poder volver traballar por ter unha incapacidade laboral recoñecida. Outras, en cambio, fórmanse porque queren ampliar os coñecementos para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

Técnicas administrativas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo e formación para a igualdade, é a temática que engloba o curso e que se completará coa realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.

Con esta formación que se desenvolve en Santiago, son un total de 10 os cursos de AFD que COGAMI oferta este ano en Galicia, co fin de especializar ás persoas con discapacidade nunha profesión que lles permita inserirse no mercado laboral canto antes e conseguir, finalmente, a súa inclusión na sociedade.

 

7 de agosto de 2014 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.