Citroën Vigo apela á responsabilidade do comité de Denso para non danar o sector
A planta viguesa de PSA Peugeot Citroën apelou este mércores á “responsabilidade” do comité da auxiliar Denso, que fornece equipos de climatización para todos os modelos que salen da factoría, tras dous días de folga indefinida.
Portavoces da fábrica de Balaídos sinalaron que a planta mantén a súa actividade grazas ao seu stock de seguridade, e que fixo unha planificación de produción acorde con estas circunstancias. No entanto, recoñece que necesita ter subministracións para evitar consecuencias máis graves.
Así as cousas, PSA apuntou que teñen “mecanismos de flexibilidade e distribución irregular da xornada para minimizar o impacto do paro, aínda que os clientes poderían sufrir atrasos nas entregas. “Máis aló da afectación directa que puidese producirse agora a consecuencia deste conflito, preocúpanos, e moito, a perda de competitividade dos nosos provedores e as súas consecuencias de cara ao futuro”, subliñaron as mesmas fontes.
Nese sentido, a multinacional asegurou que non pretende opinar sobre as reivindicacións e negociacións en Denso, porque “é un asunto que concierne á empresa afectada”, pero lembrou que pide aos seus provedores que lle acompañen en flexibilidade e redución de custos” para poder competir nesta industria.
CONVENIO CONSECUENTE COS RETOS
“Esperamos que a negociación do convenio en Denso sexa consecuente cos retos que afrontamos”, engadiu a empresa, que pediu “responsabilidade” aos convocantes da folga para “evitar consecuencias indeseadas”.
Nesa liña, PSA alertou do risco que poden correr tanto a fiabilidade e eficiencia da propia auxiliar, como a imaxe de toda a industria da automoción de Galicia, “especialmente nun momento que é crucial de cara ao futuro do sector”.
Por iso, pediu ás partes que actúen con “perspectivas de futuro”, porque “unha excesiva conflitividade laboral sempre escorrenta os investimentos”.
Mentres, sindicatos de Denso e empresa manteñen as negociacións, no segundo día de folga indefinida, e cun “seguimento masivo”, segundo a CIG (sindicato maioritario no comité). Aínda que houbo algún “achegamento”, as posturas en canto a porcentaxes de contratación indefinida e cuestións salariais, seguen enfrontadas.











