Chega ao Teatro Colón da Coruña a comedia Resofocos
O Teatro Colón retoma a actividade o vindeiro 8 de agosto coa comedia Resofocos. Charo Reina, Soledad Mallol e Elena Martín –integrantes de Las Virtudes- e Fabiola Toledo son as protagonistas desta proposta que poderá verse no Teatro Colón do venres 8 ao domingo 10 de agosto. A obra é a continuación de Sofocos, que xa estivera no Colón con grande éxito de público.
Resofocos é unha visión irónica sobre os cambios hormonais das mulleres chegada a menopausa e a súa influencia na vida cotiá. Novas historias en lugares como unha perruquería, un supermercado ou un ximnasio forman parte desta comedia que promete liberar ás mulleres do falso mito da histeria hormonal unha vez acadado o medio século e que converterá aos homes nos seus cómplices.
Despois de Sofocos e Más Sofocos chega esta terceira parte da exitosa serie que xira en torno á madurez da muller. Máis de 200.000 espectadores e 560 horas de risas en 23 cidades. A obra, dirixida por Juan Luis Iborra, conta coa colaboración especial de Carlos Sobera e coa sinatura de Agatha Ruíz de la Prada na escenografía e no vestiario.
A programación de verán do Teatro Colón está patrocinada por Superbock Negra Sin. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











