Centos de persoas visitan a Mostra de Viños e Produtos das Mariñas en Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A II Mostra de Viños e Produtos das Mariñas celebra a súa primeira xornada repleta de visitantes. Desde as 11.00 horas que abriu as súas portas a feira, os expositores xa empezaron a notar un elevado ritmo de vendas, que se animou máis a partir das 12.30 horas.

Foron centos de persoas as que se achegaron até os postos para degustar os produtos ou para adquirir algún deles. Produtos da horta, como repolos, tomates, cenorias, moras ou fresas; xabóns artesáns; produtos elaborados como mel, marmeladas, queixos ou cervexa artesá; e por suposto o viño de Betanzos foron algúns dos reclamos da Mostra.

O evento está organizado pola reserva de biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e polo Concello de Betanzos. O seu obxectivo é dar coñecer as variedades autóctonas da comarca, promocionando o traballo dedicado dos emprendedores. O alcalde de Betanzos, Ramón García, visitou ás 12.00 horas a Mostra, acompañado de varios membros da corporación. O rexedor saudou a todos os expositores e destacou a calidade das súas producións.

Son un total de 20 os produtores os que ensinan os seus produtos ao público. Hai un total de 6 adegas do viño da Terra de Betanzos.

Para fomentar que os veciños e visitantes poidan probar todas as variedades, a organización puxo á venda dous bonos. O referente ao viño, de 8 euros, permite catar 5 marcas presentes na mostra. Unha copa serigrafiada coa denominación de orixe, como ocorre na festa do Albariño, está a disposición dos asistentes para ir probando os viños.

Un segundo bono, de 5 euros neste caso, permite probar até 5 petiscos dos restantes produtores. Hai galletas elaboradas con mel, empanadas ou queixos. Nesta ocasión, As Mariñas Coruñesas e o Concello de Betanzos configuraron un amplo programa de actividades paralelas, pensadas para toda a familia.

9 de agosto de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.