Cedeira inicia os actos do 25 aniversario do Samaín cunha exposición e talleres
A emblemática Festa do Samaín de Cedeira cumpre este ano o seu primeiro cuarto de século de vida. E, para celebralo, a Asociación Amigos do Samaín, en colaboración co Concello, organiza a primeira actividade. Trátase dunha exposición moi especial e unha serie de obradoiros para os máis pequenos da casa, que se celebrarán os días 8, 9 e 10 de agosto nas instalacións do Palacete Municipal, na Avenida de Castelao. Así, a mostra recollerá unha serie de carteis, antigos e máis recentes, cos que se promocionou a Festa, así como fotografías das diferentes edicións e tamén algún vídeo.
En paralelo, a asociación organizará obradoiros de cestería, pintura e cabazas para o público infantil como destinatarios. A exposición abrirá as súas portas o venres, 8 de agosto, ás 20 horas e, a partir de ahí, sucederánse as actividades. No caso do sábado e do domingo, os horarios establecidos son de 12 a 14 horas e de 20 a 22 horas. A Festa do Samaín de Cedeira, pioneira en toda Galicia, é esencialmente unha festa infantil que conxuga historia e etnografía, xirando arredor desta a música, os xogos e o entretenemento. Dende os seus inicios mantén inamovible varios principios como a ubicación na zona vella da vila de Cedeira; a súa data de celebración na fin de semana máis próxima ao 2 de novembro, Día de Difuntos, ou a súa programación orientada ao público infantil.
Organizada inicialmente pola hoxe desaparecida Sociedade Cultural Chirlateira, e na actualidade pola Asociación Cultural Amigos do Samaín, sempre contou coa total implicación da veciñanza.











