Cedeira énchese de actividades coa XVIII Travesía a Nado á Ría, o Entroido de Verán e a X edición dos Xogos Populares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

As Festas Patronais de Cedeira ofrecerán este fin de semana un sinfín de propostas para todos gustos e idades. Así, o sábado, 9 de agosto, celebraráse a XVIII edición da Travesía a Nado Ría de Cedeira e o orixinal Entroido de Verán e, o domingo, 10 de agosto, veciños e visitantes teñen unha cita cos Xogos Populares e cunha exhibición de taekwondo a cargo do club local. O luns, a vila invita a todo o mundo ao seu Festival de Bandas de Música.

A Travesía a Nado Ría de Cedeira arrancará ás 15,45 horas na praza da Marieta. Neste punto, e previamente (ata as 15,20 h), as persoas interesadas en participar deberán recoller o material e formalizar a inscripción se non o fixeron con anterioridade vía email ou telefónica. As distancias a percorrer serán 100 metros para a categoría promesas; 400 para a benxamín; 800 para alevín e veteráns e 1.500 para absoluto. Non hai límite de idade para participar nesta competición. Ao remate, entregaránse medallas e trofeos para os mellores. Esta cita deportiva está organizada polo Club Natación Cedeira Muebles García no marco do circuito Cedeira Deporte e conta coa colaboración do Concello, a través da Concellería de Deportes, de Protección Civil e de distintas firmas comerciais.

O mesmo sábado, Cedeira volve celebrar a súa particular festa de Entroido de Verán. Será no Parque do Sagrado Corazón e a ela están convocados veciños e visitantes. Nenos, mozos e maiores poderán disfrutar durante todo o día dunha xornada lúdica con música, animación e xogos. Así, a mediodía, a orquestra Mosaico ofrecerá o seu repertorio durante a sesión vermut e, ao longo da tarde, a charanga Percusiona Batukada do Cariño animará as rúas do centro urbano. Xa pola noite, repetirá sobre o escenario a orquestra Mosaico, en torno ás 22,30 horas. Diversión garantizada con esta proposta que tan só demanda un requisito ao participante: disfrazarse.

Ao día seguinte, o domingo, celebraránse os tradicionais Xogos Populares. Entre a ponte vella e a nova, o Concello abrirá a inscripción nas probas nos momentos previos ao inicio dos xogos, previsto para as 16,00 horas. Entre as actividades, regata de chalanas por parellas, carreiras de sacos, cucaña marina, carreira de carretillas en parellas, tirada de corda para equipos mixtos e “caza” do parrulo. Probas pensadas para maiores de 14 anos, que contarán con premios en metálico para os mellores en cada caso. Ao seu remate, o parque do Sagrado Corazón acollerá unha exhibición de taekwondo a cargo do club local. O luns será o turno do Festival de Bandas de Música. No parque do Sagrado Corazón, a partires das 20 horas. Tomarán parte a Banda de Cedeira, da Banda de Ribadeo e da Banda das Pontes.

8 de agosto de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.