Cedeira conmemora á súa Patrona con festivais, concertos, competicións deportivas, tradición e animación
Cedeira inicia esta fin de semana a súa Patrona 2014. Organizada este ano polo Concello e unha Comisión Cidadá de Festas integrada por mozos da vila, ofrecerá nove días de actuacións musicais multitudinarias pensadas para todos os gustos e idades, festivais tradicionais e outros de nova creación, competicións deportivas, tradicións e, sobre todo, moita animación a pé de rúa. O programa arrancará este mesmo venres, coa Carreira Popular, con punto de saída no Parque do Sagrado Corazón ás 19 h. Unha cita que se prevé multitudinaria, como sucede edición tras edición. Ao día seguinte, sábado, a xornada comeza ás 14,15 h, cunha sesión vermut no Parque do Sagrado Corazón amenizada pola orquestra Mosaico. Xa pola tarde, celebraráse a XVIII Travesía a Nado á Ría, que promove o Club Natación CedeiraMuebles García coa colaboración do Concello. A partires das 15,30 h, o punto de saída dos nadadores será o peirao vello, para facer un percorrido ata a praza da Marieta. Sobre as seis da tarde, comezará a música festiva polas rúas da vila coa Percusionada Batucada do Cariño. O preludio dunha noite de festa que virá da man do Carnaval de Verán. Unha iniciativa que se celebra dende o 2010 no parque do Sagrado Corazón e que neste 2014 comezará ás 22,30 horas e contará de novo coa orquestra Mosaico. O domingo, 10 de agosto, veciños e visitantes teñen unha cita ás 16 horas coa décima edición dos Xogos Populares, no Paseo da Marina, que transcurre entre a ponte vella e nova. E, o luns, 11 de agosto, será o turno do Festival de Bandas de Música. O esceario, como ocorrerá na maior parte das actuacións musicais previstas, ubicaráse no parque do Sagrado Corazón. A partires das 20 horas, soará a música da Banda de Cedeira, da Banda de Ribadeo e da Banda das Pontes.
O martes 12, veciños e visitantes están convocados ao tradicional pregón de inicio oficial das festas. A continuación, a formación On The Band abrirá o cartel de concertos ás 22,30 horas. A súa actuación precederá á do grupo La Pegatina, que se subirá ao escenario pasada a medianoite. Dada a repercusión do grupo, a organización prevé que sexa un dos concertos estelares das festas.
O mércores 13, a banda de gaitas Buxainas ofrecerá un pasarrúas pola vila. E, xa pola tarde, os amantes do fútbol teñen unha cita no campo municipal, onde a partires das 18 horas, con entrada gratuíta, se disputará o Triangular Leira Antiga. Dúas horas despois, ás 20, principiará no parque do Sagrado Corazón o Festival de Buxainas. E, pola noite, este espazo servirá de escenario para o primeiro Festival Cedeira éFolk. Integran o cartel Oscar Ibáñez & Tribo (22,30 horas), Andrés Penabad (00,00 horas) e Lenda Ártabra (1,30 horas).
O xoves 14 a xornada festiva principiará ás 14 horas cunha sesión vermut amenizada pola orquestra Palladium. Ás 18 horas, nova competición deportiva no campo do Beco. Nesta ocasión, co Trofeo Maracaná. Xa ás 22,30 horas, verbena coa orquestra Palladium e, a partir da medianoite, será o turno de Revólver, a mítica banda fundada e liderada por Carlos Goñi.
O día 15, o da Patrona, comezará cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Vila de Cedeira. Ás 12 horas, misa solemne e, a continuación, a tradicional procesión terrestre, que partirá da igrexa de Santa María. Iniciará un emotivo percorrido no que a Virxe do Mar estará acompañada polos centos de veciños que cada ano asisten á cita. Á tarde, ás 18 h, novo trofeo de fútbol. Neste caso, o Cedeira Sport. E, xa á tardiña, os Festicultores animarán a festa co seu repertorio a partires das 19 horas. Dende a praia, á medianoite, o ceo iluminaráse cos tradicionais fogos artificiais que, este ano, se prevén aínda máis espectaculares que en edicións pasadas. E, ao seu remate, sobre as 00,30 h, actuación estelar no paseo marítimo da Magdalena da mellor orquestra de Galicia, a París de Noia.
O día 16 celebraráse a procesión marítima e ofrenda floral. A flota cedeiresa, guiada pola Virxe do Mar, partirá do peirao local trala misa que principiará ás 12 horas. Pola noite, doble actuación no parque do Sagrado Corazón coa Gallaecia Big Band (22 h) e o cantautor ferrolán Andrés Suárez (00,00 h). Previamente, Racing de Ferrol e Celta de Vigo B disputarán o Memorial Miguel López Pérez no campo do Beco, a partires das 18 horas e entradas a 10 euros. E, durante toda a xornada, animación a pé de rúa coa charanga ACDC. O domingo 17, a Patrona despediráse de novo coa tradicional xira a San Antonio. E, xa pola noite, no parque do Sagrado Corazón e con inicio previsto para as 22 horas, o público poderá disfrutar do repertorio da orquestra Fania Blanco Show. As festas da Patrona 2014 están organizadas este ano polo Concello, a través da Concellería de Cultura, e por unha Comisión Cidadá.
Ambas partes consensuaron o cartel, cuxa financiación recae principalmente na Administración local e, tamén, nas aportacións realizadas polos comercios e establecementos hosteleiros da vila. Precisamente, co ánimo de premiar a súa axuda, poñíase a andar a principios do mes de xullo a páxina web www.fiestasdecedeira.es. Neste portal, onde a cidadanía pode consultar todo o programa da Patrona e atopar centos de razóns para visitar a vila, dáse a coñecer a oferta comercial e hosteleira de Cedeira a través de reseñas dos locais que colaboran cos festexos. Uns festexos que pretenden satisfacer os gustos de toda a veciñanza e, sobre todo, contribuír á economía local a través do sector servizos.











