Cada edición da Festa do Pulpo do Carballiño atrae a máis persoas de fóra de Galicia
As solicitudes de cartóns para entrar ao recinto oficial da Festa do Pulpo están a chegar desde todos os puntos da península ibérica, e desde lugares tan afastados como Finlandia. Precisamente dese país chegaron dúas solicitudes para asistir á festa gastronómica máis importante de Galicia, que se celebrará o vindeiro domingo 10 de agosto, no Parque Municipal do Carballiño.
Tamén chegaron solicitudes destes cartóns desde Xerez, Sevilla, Huelva, Toledo, Madrid, e por suposto desde o país veciño de Portugal. Os organizadores consideran que a fama da Festa do Pulpo está a superar as fronteiras, e está a espertar interese máis aló de Galicia e España.
Sobre a venda de cartóns para o recinto oficial, os organizadores sinalan que, despois dunha semana á venda, xa quedan poucas para poder adquirirse, polo que solicitan aos interesados en asistir a esta festa ao seu recinto oficial, que reserven canto antes os cartóns, para evitar quedar fóra deste.
Os cartóns pódense comprar no concello do Carballiño, de luns a sábado, en horario de mañá, ou ben reservando por teléfono e realizando o ingreso na conta habilitada polo concello para este fin.
O programa da Festa do Pulpo comezou xa este venres, co aceso da iluminación de festa e a fachada do concello, e o primeiro dos concertos, a cargo da orquestra “Nueva Generación”. Este domingo segue a programación coa III Andaina Festa do Pulpo, e o concerto da banda escola de música municipal do Carballiño, ás 20:00 horas na praza da Veracruz.
O luns inaugúrase a feira de artesanía, e realizarase a homenaxe a unha familia do Carballiño pola súa relación e aposta de futuro para co polbo. Esta homenaxe será no concello ás 12:00 horas.











