Cachete, Punta Lagoa e Argalleiro titulares do XV Trofeo Hotel Carlos I Silgar
Éxito de organización e desenvolvemento na convocatoria velística tutelada polo Real Club Náutico de Sanxenxo, culminando con brillantez un extraordinario fin de semana no que se celebrou a XV edición do Trofeo Hotel Carlos I Silgar, que na súa denominación de Regata Ruta das Illas cumpriu a súa 27ª cita neste 2014.
Tras a xornada inaugural, disputada onte sábado, na que a flota trazou un percorrido costeiro longo ao redor das illas de Onza e Ons, na entrada á Ría de Pontevedra, o Comité tiña previsto para este domingo montar un campo de regatas ao vento, con aboias fondeadas tanto a barlovento como a sotavento do seu barco. Pero a inestabilidade no meteorolóxico, cunha compoñente máis ben frouxa, foron as causas determinantes para botar man dos 18 percorridos alternativos costeiros dos que está dotado o Trofeo Hotel Carlos I Silgar, polo que esta foi a decisión final para poder celebrar e validar as dúas probas restantes programadas para hoxe.
Precisamente foi o numeral 18 o elixido, un percorrido con saída desde as inmediacións da praia de Silgar, facendo pasos por: Faro de Mourisca (zona Bueu) por babor, o Cabezo de Morrazán (aboia metálica en metade da ría pontevedresa, entre Aguete e Sanxenxo) por babor, e chegada, en total 6,4 millas náuticas, é dicir, case 12 km.
Tras concluír a totalidade de mangas do Trofeo Hotel Carlos I Silgar os titulares de cada división foron: Cachete en Regata, Punta Lagoa en Cruceiro/Regata e Argalleiro en Cruceiro.
A configuración do podio en Regata e tras o primeiro banzo obtido por Cachete, de Francisco Edreira, do Club Náutico de Sada, seguiulle na segunda posición o Corsario VI, de Jorge Durán, do Club Marítimo de Vilagarcía, sendo terceiro o ETEA, de Fernando Cominges, da Comisión Naval de Regatas de Marín.
En Cruceiro/Regata e co podio definido na súa cabeceira pola Punta Lagoa, de Alfonso Crespo, do Club Náutico Punta Lagoa, a segunda praza foi para o Sebrala 2, de Magín Froiz, do Real Club Náutico de Sanxenxo, sendo terceiro o Náutico Corvo mariño, de Iván Pérez, con boa parte da directiva na súa tripulación do recentemente fundado Club Náutico A Toxa.
En Cruceiro, e tras os pasos do Argalleiro, de Fernando Otero, do Club Náutico de Combarro, ao segundo banzo do caixón accedeu o Pathos, de Carlos Álvarez, do Club Náutico e Deportivo de Riveira, e ao terceiro o Piko Norte, de Andrés Vicente Fernández, do Real Club Náutico da Coruña.
A entrega de premios celebrouse ás seis da tarde nun dos salóns do Real Club Náutico de Sanxenxo, un acto ao que asistiron Leonardo López, Director do Hotel Carlos I Silgar; Manuel Villaverde, Presidente da Federación Galega de Vela; e os Vicecomodoros do Real Club Náutico de Sanxenxo, Luís da Pena e Fernando Casas.











