publicidade hoxe

Belén do Campo supervisa o avance das obras no CEIP Santa Baia, de Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+
Belén do Campo na visita ás obras do centro

Belén do Campo na visita ás obras do centro

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Santa Baia, de Boiro, para supervisar o estado das obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo no centro cun investimento de 20.819 euros.

Do Campo percorreu as dependencias escolares acompañada polo alcalde, Juan José Dieste, e polo xefe de estudos, Gustavo Romero. A representante do Executivo galego na provincia recordou que o Goberno autonómico, a través da Consellería de Cultura e Educación, está nestes momentos a reformar a instalación eléctrica, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia e minimizar o risco de sinistros, así como de adaptala á normativa vixente. Dada a envergadura dos traballos, estes estanse a acometer durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e de que estean listos para o comezo normal do vindeiro curso.

Do mesmo xeito, a delegada territorial destacou que a actuación no colexio Santa Baia inclúese no paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto das instalacións educativas. Así, nas últimas semanas estívose tamén a traballar noutros centros do concello de Boiro, como o CEIP Santa María do Castro, onde se reparou o lucernario e as fendas detectadas nalgunhas paredes e se continuará coa substitución das fiestras ou no CEIP de Cespón, no que se acometeu a impermeabilización da cuberta sobre as escaleiras. Estas intervencións completaranse coa renovación da cuberta do patio de Educación Infantil do colexio Praia Xardín. En total, o investimento no municipio acadará os 80.000 euros.

Accións noutros seis concellos da zona

Na mesma liña, nas comarcas de Noia e Barbanza o departamento autonómico tamén continuará durante o mes de agosto coa posta a punto dos centros escolares. A estes proxectos destinará unha achega de máis de 179.000 euros.

Por unha banda, no municipio de Noia actuarase no colexio Felipe de Castro para mellorar o revestimento da fachada e reparar os danos ocasionados polos distintos temporais do inverno, mentres que na Pobra do Caramiñal, traballarase no CEIP Salustiano Rey Eiras, na reposición das persianas, e na Escola de Educación Infantil (EEI) Fernández Varela, na reforma do falso teito, na reparación da cuberta do patio, na apertura dunha nova porta e no acondicionamento dos lavabos. En Outes, pola súa banda, véñense de rematar as obras de reforma da instalación eléctrica no CEIP Serra de Outes.

Tamén en Porto do Son se repararán os danos detectados na cuberta do colexio de Portosín e en Rianxo, eliminaranse as humidades do Instituto de Educación Secundaria (IES) Félix Muriel. Por último, no concello de Ribeira intervirase no CEIP O Grupo, onde se creará un novo baño no comedor e instalaranse novos radiadores, así como no IES Nº 1, no que se reformará a instalación eléctrica e colocarase un novo canalón no ximnasio.

Con estas actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas nestes municipios, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas de cada centro, coas que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.

5 de agosto de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.