Belén do Campo reuniuse con Cáritas de Ordes para coñecer o seu programa de inclusión social A Sementeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrdes
A-
A+
Belén do Campo na reunión con representantes de Cáritas do Concello de Ordes

Belén do Campo na reunión con representantes de Cáritas do Concello de Ordes

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá no seu despacho unha reunión co secretario e co tesoureiro de Cáritas do municipio de Ordes, Clemente Boo e José González, respectivamente, para coñecer de primeira man as súas necesidades e a labor que están a desenvolver no concello e na súa área de influencia. A delegada amosouse interesada polas iniciativas que leva a cabo a organización a prol da inclusión social e, en especial, polo funcionamento do programa A Sementeira, unha estratexia impulsada para integrar nun itinerario máis amplo de inserción social e de traballo grupal a axuda económica e alimentaria que presta ás persoas desfavorecidas.

O programa deseñado pola entidade inclúe tres proxectos que serven de medio para a consecución destes obxectivos. En primeiro lugar, creouse un banco de terras destinado ao cultivo de hortas para o autoconsumo, do que se benefician 15 familias. Tamén se elaborou un plan de formación específico enfocado ao sector agroalimentario, que conta con 21 participantes e, por último, estableceuse unha bolsa de emprego a través da que se deseñan itinerarios persoais dos participantes no programa, se intermedia no mercado laboral entre o empresariado e os beneficiarios desta iniciativa e se impulsan proxectos comúns por conta propia ou allea.

Neste senso, Do Campo recoñeceu a “importante labor” que presta á sociedade Cáritas de Ordes e amosou o apoio do Goberno galego a ese traballo, a través da colaboración da Administración autonómica en aspectos como o asesoramento e a orientación para a posta en marcha de iniciativas vinculadas ao cooperativismo e ao acceso ás distintas accións formativas dirixidas a desempregados promovidas pola Xunta.

Na mesma liña, recordou que a Xunta de Galicia está a reforzar o seu traballo cos colectivos en risco de exclusión social, co apoio a máis de 100 entidades de iniciativa social de toda Galicia neste 2014. Ademais, insistiu en que a nova Lei de Inclusión de Galicia aprobada nesta lexislatura busca potenciar a inserción laboral do colectivo con risco de exclusión para evitar que estas situacións se cronifiquen no tempo. Este compromiso plasmouse tamén nos orzamentos deste ano 2014, nos que as partidas globais de inclusión social ascenden a 59,2 millóns de euros, isto é, un 13,6% que o ano anterior, co fin de dar resposta ás persoas que máis o precisen.

A reunión de hoxe enmárcase na rolda de contactos iniciada por Do Campo coas entidades que desenvolven a súa labor social na provincia desde a súa chegada ao cargo, cando se comprometeu a estreitar a colaboración do Goberno galego con este tipo de organizacións para mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns.

Na mesma liña, a delegada expresou a súa disposición a traballar para favorecer a cooperación de outras institucións e a implicación tamén das administracións locais con estas tarefas asistenciais, así como a redobrar os esforzos para acadar que a entidade manteña todas as súas actividades.

4 de agosto de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.