Áurea Soto achaca o estado irregular de Ourense á incompetencia dos anteriores gobernos
A edila de Urbanismo de Ourense, Áurea Soto, achacou o estado “excepcionalmente irregular” dos temas urbanísticos da cidade á “incompetencia” dos gobernos municipais anteriores e, segundo dixo, a súa “máxima expresión” foi a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) de 2003 “por un cambio de planos, algo que nunha capital non pasa”.
Soto explicou nunha rolda de prensa os acordos da Xunta de Goberno local celebrada momentos antes, como cada xoves, entre eles a resolución do expediente do aparcamento situado entre as rúas Concordia e Paseo, denunciado polo voceiro de Democracia Ourensana (DO) de forma pública coa colocación dun vehículo ante a saída do párking, que non contaba con licenza de ocupación.
A edila detallou que o expediente do aparcamento se iniciou nos anos 80 e, tras obter a licenza de apertura, a de ocupación comezou a tramitarse en 2003, e de novo tivo que tramitar unha licenza de apertura tras un cambio nas saídas do aparcamento.
“Tras unha vintena de informes municipais e numerosas visitas de técnicos, o maior erro foi a descoordinación entre os departamentos municipais que estaban separados para tratar un mesmo tema, algo que o actual Goberno municipal detectou ao chegar ao concello e cambiou,”, afirmou.
Nese sentido, explicou que se non existe coordinación “é normal que os expedientes se dupliquen e vaian quedando apartados, e cada vez se fan máis complexos e os funcionarios tenden a ilos deixando de lado, de feito, este concretamente, detectámolo fai agora un ano e levounos horas poñelo ao día para coñecer exactamente o estado do expediente”, agregou.
OUTROS SEMELLANTES
Segundo a edila, é “normal” ter un erro neste ámbito, ao tramitar expedientes. “Pero en Ourense, durante décadas foi unha forma de facer as cousas e agora a xestión é difícil”, alertou e aludiu ao “rechamante que resulta” a “conxunción de forzas en contra” de que a xestión se faga ben agora.
Aludiu a outros expedientes de igual ou maior complexidade e antigüidade análoga, como o do acceso ao barrio de O Cuco, situado na aba norte do Montealegre, cunha pendente denunciada polos veciños por ser inaccesible para unha ambulancia en caso de urxencia. Soto recordou que hai pouco se fixo un novo proxecto para solucionar a cuestión, co que se reduciu a pendente do 35 ao 12 por cento.
Este mesmo xoves quedou aprobada na Xunta de Goberno a adxudicación definitiva da obra por 262.000 euros cun prazo de execución de seis meses. Soto detallou que no PGOM de 1986 “xa había erros” en relación á organización deste barrio, que lonxe de corrixirse, se mantiveron no posterior PGOM de 2003, anulado xudicialmente”.
Entre os expedientes “semellantes” sen resolver durante décadas, referiuse ao da cafetaría La Central, situada na praza pública Jardín Xaponés, anexa ao hotel San Martín, explotada na actualidade por unha empresa na que é socia a exdeputada do PP María José Caldelas, esposa do presidente do PP e da Deputación Provincial, e denunciada pola oposición, pola inexistencia do expediente e posible “trato de favor”, ao tratarse dun espazo público que debe explotarse tras a concesión en concurso público.
“Aí temos outro exemplo de como se tratou durante décadas o urbanismo desta cidade, con erros non puntuais, senón sistemáticos, pois esa era a forma de facer as cousas”, concluíu.











