As vodas celtas regresan a Cedeira co Lugnasad

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeiraLocal Portada
A-
A+

Cedeira recreará os días 29 e 30 de agosto a popular festa do Lugnasad, na que se celebran as vodas celtas. Unha celebración que nace fai seis anos dunha idea da historiador da arte e medievalista cedeirense, Manuel Aneiros Loureiro, e que, ano tras ano, vai adquirindo tinguiduras de carácter internacional debido ao número de parellas que se congregan para celebrar a súa voda celta. Precisamente, a organización anuncia que clans e parellas xa poden formalizar a súa participación cubrindo a correspondente ficha na Oficina Municipal de Turismo (situada no Palacete), ou ben enviar un correo electrónico ás seguintes direccións: galiciamagica@galiciamagica.com ou ben lugnasaddecedeira@gmail.com.

A festa de Lugnasad está relacionada con antigas tradicións celtas e é un evento moi participativo, onde os cedeirenses recrean un antigo poboado celta e vístense de época para a ocasión. Nun ambiente xenuíno e sorprendentemente grato, os diferentes clans constrúen as súas cabanas con madeira, teas, ramas, etc. para gozar duns días de auténtico ambiente castrexo, no que non faltan os típicos asados, unha boa bebida e mellor música. Turistas e visitantes descobren a arte e inventiva que os diferentes clans levan a cabo na construción das súas cabanas ao longo de toda a semana.

O Lugnasad é tamén o momento da celebración das vodas celtas, onde as parellas de noivos comprométense a pasar o próximo inverno xuntos. Este compromiso dura un ano, aínda que calquera dos dous pode dar por finalizado o compromiso ou renovalo ao ano seguinte. Ao Lugnasad de Cedeira achegáronse, desde os seus inicios, numerosas parellas de toda España, e mesmo do estranxeiro, para celebrar a súa voda celta nunha paraxe única. Este ano 2014 teñen confirmada a súa presenza parellas de León, Lima (Perú), Coruña, Boiro, Madrid, Salamanca, Ávila, Vigo, Pontevedra, Guadalaxara, Vilalba, Cangas do Morrazo, Cuntis, Santiago de Compostela, Valladolid, Río de Janeiro (Brasil) e Laruns (Francia), ademais dalgunhas de Cedeira e arredores.

O Lugnasad de Cedeira pretende potenciar, ao mesmo tempo, a creatividade popular e os recursos gastronómicos e turísticos da zona. Haberá tamén diversos xogos para nenos e adultos e outras actividades. Colaboran no proxecto o Concello de Cedeira, a Asociación Amigos do Lugnasad, a Banda de Gaitas Robaleira, a Sociedade de Caza e Pesca Cedeira Cerdido e diversos empresarios, comerciantes, artesáns e veciños de Cedeira.

11 de agosto de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.