As obras de mellora en dous camiños rurais de Vilagarcía ascenderon a 45.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o remate das obras de mellora de dous camiños rurais no concello de Vilagarcía, executadas a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Tomás Fole, así como polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

As obras executáronse en dous camiños do concello, o de Galáns en Renza e o de Rúa Xogo en Faxilde e consistiron no varrido da superficie das pistas e no posterior asfaltado con aglomerado en quente.

O delegado territorial destacou que a nivel comarcal, en canto ao Plan Marco de mellora de estradas rurais, destináronse no presente ano 405.648 euros destinados para os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova. Estas obras permitiron a pavimentación e ensanche de vías de titularidade municipal, así como mantemento de camiños e mellora de firmes. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Vilagarcía para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, acceso a viñedos, etc. “No caso do concello de Vilagarcía, o investimento en mellora de vías rurais é de case 260.000 euros dende ese mesmo ano e esperamos poder continuar investindo en traballos desta índole”, rematou o delegado territorial.

Inicio de obras en Rosalía de Castro

O delegado territorial tamén aproveitou a visita a Vilagarcía para anunciar a posta en marcha das obras de asfaltado na avenida Rosalía de Castro.

“Ditas obras comprenderán dende o punto kilométrico 16 ata o 19 e levaranse a cabo dende o luns as oito da mañá ata o martes as oito da tarde”, explicou o alcalde de Vilagarcía, que matizou que “en concreto, o luns das oito da mañá ás oito da tarde procederase a o fresado e aglomerado da marxe dereita, e o martes na mesma franxa horario, farase a mesma operación no sentido contrario, fresado e aglomerado na marxe esquerda”.

Cores Tourís finalizou explicando que se intentará que estes traballos entorpezan o menos posible o tráfico e que se facilitarán os accesos aos garaxes e que se buscarán vías alternativas se son necesarios para a menos irrupción do tráfico.

29 de agosto de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.