As obras de mellora da depuradora de Xinzo de Limia implican un investimento de 1,5 millóns de euros
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil, Francisco Marín, asinaron un protocolo de colaboración para executar as obras de mellora da capacidade de eliminación de nutrientes da Depuradora de Xinzo de Limia, que implican un investimento de 1,5 millóns de euros.
Esta actuación na que Medio Ambiente –a través de Augas de Galicia- aportará un 20% do investimento global, 300.000 euros, mellorará a calidade das augas do río Limia e o estado ecolóxico do Encoro das Conchas, con problemas pola achega de nutrientes e proliferación de cianobacterias. Vázquez Mourelle sinalou que se trata dunha mellora da depuradora que suporá unha importante redución da carga contaminante que chega ao río e ao encoro, e que orixina o exceso destes organismos que tinguen de verde o mesmo, sobre todo durante o verán.
A conselleira de Medio Ambiente destacou a importancia desta obra tamén radica no feito de que se sexa un novo exemplo de colaboración interadministrativa, na que Estado, Xunta e Concello están a dar todos pasos para garantir que as obras de mellora da depurada comecen durante o primeiro semestre do próximo ano, o que garantirá o seu remate antes de final de 2015.
A obra consistirá nunha mellora do tratamento da Edar existente, co fin de que o tratamento da auga sexa máis efectivo, o que redundará nunha mellora de calidade do medio acuático e no aseguramento das condicións legais de vertedura.
Life Rexenera Limia
Ethel Vázquez manifestou que unhas das prioridades da Xunta é mellorar o estado ambiental das masas de auga de Galicia; polo que no caso da Limia tamén participa na iniciativa europea Life Rexenera Limia, xunto coa Confederación.
Sinalou que esta iniciativa conta cun orzamento próximo aos 2 millóns de euros, e representa unha mellor xestión ambiental dos terreos agrarios, tanto no que se refire á xestión dos fertilizantes como ás augas residuais procedentes de xurros de porcino, que poden ser tratadas con tecnoloxías brandas para o medio ambiente, mediante humidais.
Engadiu que proxectos deste tipo son os que marcarán o camiño correcto en materia de medio ambiente e desenvolvemento sostible e apuntou que a clave está en saber conxugar axeitadamente o desenvolvemento económico de sectores clave, como o agrogandeiro, co coidado e o respecto polo medio natural.
Investimentos en Xinzo
A conselleira recordou o esforzo que realiza o seu departamento no Concello de Xinzo, onde recentemente se puxo en marcha a mellora do saneamento no núcleo rural da Pena, así como un colector xeral de saneamento entre San Pedro de Laroá e Rebordachá, dúas actuacións que implican preto de 250.000 euros.
Resumiu que a aposta da Consellería de Medio Ambiente por este concello, desde 2009, queda patente nos investimentos consignados, que superan os 6,5 millóns de euros en total, en actuacións que melloran a calidade de vida dos cidadáns, como a reforma da intersección na estrada Xinzo- Bande, que se está a executar, ou as melloras xa realizadas na Praza de Santa Mariña ou na rúa Marcelo Macías.