As iniciativas para o fomento do asociacionismo e a participación das mulleres xa beneficiaron a 620 persoas da provincia da Coruña
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Usuarios e Consumidores da Coruña, Rosa Otero, para coñecer de primeira man o labor que está a desenvolver a entidade e as súas necesidades. No encontro, Do Campo aproveitou para informarlle da convocatoria para este ano promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade para a concesión das axudas destinadas ás asociacións de mulleres a ás súas federacións que ven de publicarse estes días no Diario Oficial de Galicia (DOG). En total, a Xunta fará unha achega de 200.000 euros para este fin, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
A delegada territorial destacou a importancia da suma de esforzos e do asociacionismo feminino en Galicia e por iso explicou que a finalidade desta liña de axudas é fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino promocionando hábitos de vida saudables e accións preventivas da violencia de xénero.
A modo de exemplo, a máxima representante do Goberno galego na provincia lembrou que o ano pasado unha quincena de entidades coruñesas foron beneficiarias destas axudas e 620 mulleres participaron nas actividades subvencionadas por Igualdade.
Tres liñas de axuda
As axudas distribuiranse en tres liñas: consolidación do movemento asociativo, promoción de accións de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas.
Poderán ser beneficiarias destas axudas previstas nesta convocatoria as asociacións e federacións de mulleres domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro e que teñan como fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social.
Como requisitos máis específicos, as entidades participantes deberán comprometerse á utilización da lingua galega, autorizar á Secretaría Xeral de Igualdade para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados e xustificar que as mulleres representan, polo menos, o 90 por cento da totalidade das persoas asociadas.
O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas axudas manterase aberto ata o vindeiro 1 de setembro. As solicitudes deberan presentarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Para realizar este trámite, será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos para estes procedementos.











