As actuacións nas praza de abastos e no comercio local das comarcas de Pontevedra e Morrazo ascenderon a 412.000 euros
A Consellería de Economía e Industria vén de resolver axudas por máis de 412.000 euros para o impulso de actuacións nas prazas de abastos e no comercio local dos concellos das comarcas de Pontevedra e Morrazo, segundo apuntou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Segundo destacou o responsable territorial, a Xunta impulsará así actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.
En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica suporán case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros. “Dende a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra xa notificamos a concesión a tódolos concellos beneficiados”, engadiu Cores Tourís.
No caso dos concellos da comarca de Pontevedra, os beneficiados serán os municipios de Ponte Caldelas e Pontevedra, e dentro da comarca do Morrazo, Marín, Bueu e Cangas.
O concello de Pontevedra destinará 40.348,45 euros, dos cales 30.261,34 son aportados pola Xunta de Galicia, para o arranxo do mecanismo, retiro e reposición de estores na praza de abastos onde tamén se levará a cabo o selado da cuberta de cristal. No caso de Ponte Caldelas, investiranse 66.097,02 (49.572,77 subvencionados) para o acondicionamento da praza de abastos.
No caso do Morrazo, Marín destinará 32.037,80 euros para a mellora dos seus mercados municipais e para reparacións no mercado de Seixo, dos cales 24.028,35 serán aportados pola administración autonómica. Bueu levará a cabo reformas tamén nas súas prazas municipais e apoiará a dinamización comercial cun investimento de 177.900,20 euros (dos cales 133.425,15 corresponden á axuda da Consellería de Economía e Industria). Finalmente, Cangas levará a cabo diversas reparacións no seu mercado municipal investindo un total de 96.300 euros dos cales 72.225,45 serán aportados pola Xunta.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que este programa enmárcase dentro da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Xunta como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas, e reforza a colaboración da Xunta cos concellos nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade co comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.
Tal e como matizou Cores Tourís, este ano, como novidade, os municipios que desenvolven proxectos de mellora nas prazas de abastos, como é o caso de Cuntis, poderán incluír ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros, deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial dos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento están encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
Axudas de ata 150.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que este programa da Consellería de Economía e Industria destinará o 67% destas axudas á modernización dos mercados municipais, con apoios que chegan ata un máximo de 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, avanzando así no obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.
Por outra banda, os apoios ás melloras en mercados tradicionais e ambulantes supoñen o 23% das axudas aprobadas, mentres que co restante 10% se impulsan outras actuacións entre as que se inclúen iniciativas de dinamización das vendas. No caso da provincia de Pontevedra, obtiveron axudas por este concepto 29 concellos.
Tal e como matizou Cores Tourís, no caso das actuacións de mellora de prazas, rúas e zonas peonís comerciais na contorna inmediata das praza de abastos, as axudas podían chegar ata os 80.000 euros. Tamén se apoia neste programa con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como en eixos comerciais en concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos reciben axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.
“A Consellería de Economía e Industria leva destinado no que levamos de ano 10 millóns de euros a diferentes programas de apoio dentro da estratexia específica de impulso á competitividade do comercio de proximidade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento e a apertura de novos establecementos comerciais, a innovación ou a potenciación das prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade”, explicou o delegado territorial.











