Aroa Freije é undécima nos relevos mixtos de péntatlon moderno dos Xogos Olímpicos da Xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Rematou a participación de Aroa Freije nos Xogos Olímpicos da Xuventude (Nanjing 2014) coa celebración da proba de relevos mixtos en péntatlon moderno, na que a galega logrou a undécima posición xunto ao estadounidense Brendan Andersson.

A galega formou o equipo número 15 xunto ao deportista de USA, Brendan Andersson, nacido no ano 1996. A competición comezou coa esgrima, na que remataron na vixésima posición, polo que tocou remontar no resto das probas. En natación lograron o terceiro mellor tempo (Aroa foi a segunda mellor das chicas), mentres que na combinada continuaron subindo posicións, xa que foron o sexto mellor equipo da clasificación desta especialidade. Na combinada (tiro e carreira a pe) Aroa foi quen de escalar da posición 19 á 13, mentres que o estadounidense subiu dous postos máis.

A medalla de ouro nos relevos mixtos de péntatlon moderno foi para o equipo Portugal-Ucraína (María Migueis e Anton Kuznetsov) cun total de 1.204 puntos. Pola súa banda, Aroa e o seu compañeiro sumaron 1.151 puntos.

26 de agosto de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.