Arnette O Marisquiño lograr que Vigo sexa a primeira cidade de España onde se dirima o campión do mundo de skate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comparou hoxe o vangardismo e a creatividade que impregna o festival Arnette O Marisquiño co espírito visionario e innovador de Julio Verne, o autor de relatos universais como ‘Vinte mil leguas de viaxe submarina’, no que inmortalizou a cidade de Vigo e a súa baía. Este ano, a imaxe oficial do evento xira en torno á figura do xenial escritor que visitou a cidade en dúas ocasións.

O titular de Deportes da Xunta felicitou aos organizadores “por ter logrado traer a Vigo, despois de pelexalo seis longos anos, a Copa Mundial de Skateboarding, e que sexa aquí onde se decida o título de campión do mundo 2014”. Subliñou, así, que é a primeira vez que España acolle unha proba da máxima competición desta modalidade, e expresou o desexo de que “o Mundial veña para quedarse, que esta cita se consolide no calendario da Copa, compartindo a honra con lugares do mundo, como Montreal, California, Río de Xaneiro e París”.

Así mesmo, celebrou que nos catorce anos de andadura do festival, que comezou como un encontro local de amigos amantes do skate, continúe a crecer no número de deportistas e visitantes, no nivel competitivo das probas e na súa proxección internacional, constituíndose nunha cita de referencia dos deportes de acción e da cultura urbana. “Adoitades dicir que nunca tivésedes imaxinado, nin en soños, chegar a isto, -manifestou aos organizadores-, e por iso resulta especialmente lúcida a imaxe de Verne no cartel do Marisquiño, porque o mestre dos soños, que se anticipou a tantos inventos do futuro, é a mellor mostra de que soñar non só é bo, senón necesario para cumprir obxectivos aparentemente difíciles ou imposibles”.

Lete Lasa fixo estas declaracións no acto de inauguración da XIV edición do Arnette O Marisquiño, que terá lugar esta fin de semana en Vigo, do venres ao domingo. Xunto aos organizadores do evento, Carlos Domínguez e Ramiro Tersse,no acto participaron Nicholi Rogatkin, rider BMX e dirt mundialmente recoñecido que competirá nesta cita, así como representantes da firma Arnette, o patrocinador principal do Marisquiño.

O responsable de Deportes da Xunta rematou a súa intervención relacionando o festival cos tesouros dos galeóns da batalla de Rande que o capitán Nemo atopou no fondo da ría, xa que o Arnette O Marisquiño “é outro tesouro que chea de orgullo aos vigueses, que proxecta unha imaxe moderna e innovadora de Vigo e de Galicia no exterior, que xera turismo e riqueza económica, diversidade cultural e social, e que anima á actividade física e a explorar novas modalidades deportivas, especialmente entre os máis novos”.

“Por todo isto -continuou-, o Goberno galego aposta por este proxecto e por todos aqueles que, como é o caso, contribúen a que Galicia sexa más activa e máis atractiva, un lugar onde vivir, onde divertirse, onde facer negocios, onde viaxar e descubrir, como o infatigable Verne”.

Turismo deportivo en Galicia

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia destacou na súa intervención que o turismo deportivo é un dos atractivos da nosa comunidade autónoma. “En Galicia existen unhas condicións envexables para a práctica de numerosas actividades, dende os deportes tradicionais ata os deportes náuticos e os extremos”, dixo.

Segundo recalcou, o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na súa segunda liña estratéxica a promoción e apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos. Así entre as accións a impulsar configúrase o apoio á organización de eventos deportivos en Galicia en base a criterios de impacto económico nos territorios, prestando unha atención singular a aquelas especialidades deportivas que poñan en valor os recursos naturais e culturais da nosa comunidade e ás que se poidan diferenciar como produto turístico propio.

A directora de Turismo tamén recalcou que, cada vez máis, Galicia atrae a visitantes de todo o mundo. Cada ano, a través do Camiño de Santiago, chegan á nosa comunidade peregrinos procedentes de máis de 150 países. “Segundo os últimos datos facilitados polo Instituto Nacional de Estadística para Galicia, o turismo internacional acadou máximos históricos no mes de xuño na nosa comunidade, tanto en termos de volume, con 141 mil viaxeiros e 220 mil pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representa o 35,6% dos viaxeiros aloxados e o 28,7% das pernoitas rexistradas”, explicou.

Segundo matizou, a diversificación da oferta turística, a captación de novos mercados e a promoción de iniciativas orientadas á desestacionalización e á posta en valor dos nosos valores e recursos únicos repercuten no feito de que o destino Galicia sexa xa un gran atractivo para os mercados internacionais. “A aposta por eventos que sitúen a Galicia no mercado internacional como é o caso do Marisquiño non fai senón incidir na nosa imaxe de destino multiexperiencial e distinguido pola calidade”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Festival Arnette O Marisquiño XIV

Na edición XIV do Festival Arnette O Marisquiño está previsto que1.300 deportistas de 50 nacionalidades participen nas diversas modalidades e competicións programadas, ante a presenza de máis de 85.000 visitantes, e nunha superficie total de máis de 92.000 metros cadrados.

As disciplinas contempladas abranguen o skateboard, o dirt jump de mountain bike, o BMX nas súas modalidades street e flatland, o descenso urbano en mountain bike, o freestyle motocross, e o b-boying ou break dance, xunto con exhibicións de graffiti e espectáculos musicais. Ademais de que o skate é puntuable para a Copa do Mundo de Skateboarding, o dirt jump forma parte do Circuíto Mundial da Freeride Mountain Bike Association (categoría prata).

Este ano serán especialmente atractivas as exhibicións de saltos de freestyle motocrós, posto que os pilotos poderán voar distancias superiores a 40 metros de longo, acadando alturas superiores aos 11 metros, mentres que no caso do skating, o circuíto adecuouse aos requirimentos da World Cup Skateboarding, baixo o deseño de Álvaro Pastor, un dos skaters de referencia de Galicia, destacando un novo módulo con varandas e bordo en baixada dende unha altura superior a un metro.

6 de agosto de 2014 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.