Apertura do prazo de inscrición para o concurso de empanadas da Romaría de Santa Margarita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, abre hoxe o prazo para apuntarse no concurso de empanadas da Romaría de Santa Margarida que se celebra o domingo 24. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse nas oficinas do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), no despacho de billetes da praza de Ourense, en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, de luns a venres; e de 09.30 a 13.00 horas, os sábados. O prazo para inscribirse finaliza o xoves, 21 de agosto, ás 13.00 horas.

O Concello premiará as tres mellores empanadas e concederá até un máximo de 114 accésits. O departamento de Cultura outorga un primeiro premio de 700 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 150 euros. Aos tres primeiros clasificados tamén se lles obsequiará cun trofeo. Ademais, concederanse até 114 accésits, premiados con 25 euros cada un, para aquelas empanadas que segundo o propio xurado posúan características de elaboración que as fagan dignas desta distinción.

O departamento que dirixe Ana Fernández anima a participar neste concurso a todas as persoas que non sexan profesionais de panadaría, pastelaría ou restauración. Os inscritos deberán presentar as súas empanadas elaboradas o 24 de agosto, de 11.00 a 12.00 horas, no anfiteatro do parque de Santa Margarita. Este evento enmárcase dentro do programa de Festas María Pita 2014, que precisamente se clausura ese mesmo día despois de máis dun mes cargado de actos para todos os públicos.

O concurso de empanadas arrincará ás 13.00 horas e forma parte dos actos programados con motivo da Romaría de Santa Margarita. Con anterioridade, ás 12.00 horas, actuará a Banda Municipal de Música. Para a noite, están programadas no parque de Santa Margarita unha verbena, a partir das 22.00 horas, e unha sesión de fogos artificiais desde as 00.00 horas.

12 de agosto de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.