Apertura do prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Departamento de Deportes do Concello de Teo abre o prazo de inscrición para a súa oferta deportiva formativa e de ocio para o curso 2014-15. Esta oferta engloba tanto as Escolas Deportivas Municipais, dedicadas aos máis novos, con actividades para idades que van dos 3 aos 16 anos, como as Actividades Deportivas para Adultos. Os lugares nos que se impartirán estas actividades serán os pavillóns municipais e algunhas das casas comúns das que o Concello dispón repartidas pola xeografía teense.

Durante o curso 2014-15 as Escolas Deportivas Municipais impartirán as modalidades de Multideporte, Minideporte, Minitenis, Tenis, Taekwondo, Atletismo, Baloncesto, Tiro con Arco e Patín e todas elas serán impartidas nos tres pavillóns municipais: Os Tilos, Calo e A Ramallosa.

As Actividades Deportivas de Adultos están compostas por actividades de educación física para persoas maiores (ximnasia en diferentes graos) e pola actividade de Tenis. Estas actividades para adultos realizaranse, ademais de nos pavillóns, nas casas comúns espalladas polo Concello co fin de que, boa parte da poboación poida ter acceso a elas evitando, na medida do posible, os desprazamentos. Este feito provoca que todas elas mantiveran un altísimo nivel de participación durante as pasadas edicións.

As actividades comezarán o 6 de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño rexéndose polo calendario escolar. Ao seu remate darase clausura a estas escolas con distintas xornadas de exhibicións.

O prazo de preinscrición está establecido entre o 1 e o 17 de setembro e realizarase por orde de entrada no Rexistro de Entrada no Concello. Polo tanto, a partir do 22 de setembro as persoas preinscritas poderán consultar a súa admisión, ben na web municipal, ben no propio Departamento de Deportes municipal, antes de confirmar a matrícula mediante o pagamento da primeira taxa.

O custo das actividades é de 20 euros para cada trimestre e existen, ademais, diferentes exencións e bonificacións para as persoas que demostren as situacións sociais ou familiares reguladas mediante unha ordenanza municipal.

27 de agosto de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.